Tratamentos rehabilitadores

Na esclerose múltiple a rehabilitación é moi importante sexa cal for o nivel de discapacidade ou a evolución da enfermidade da persoa afectada. É tan importante o tratamento farmacolóxico como os tratamentos rehabilitadores, polo que deben ir da man e complementarse. Como di o neurólogo galego José María Prieto, "Estamos a comprar ferraris para andar por corredoiras", unha metáfora que alude a que o sistema sanitario ten os mellores fármacos pero esquece os tratamentos rehabilitadores. En pacientes con EM recoméndase realizar un tratamento rehabilitador multidisciplinar adecuado ao momento evolutivo da enfermidade.

Os tratamentos rehabilitadores non teñen só un carácter rehabilitador para tratar os síntomas da enfermidade ou os brotes, senón que supoñen tamén un tratamento preventivo da enfermidade. Por iso, nas entidades federadas en Fegadem ofrécense distintos servizos rehabilitadores que axudan a mellorar a discapacidade, a calidade de vida e o día a día das persoas afectadas por EM, así como servizos enfocados aos familiares e coidadores.

Descripción corta de la imagen

O equipo de rehabilitación interdisciplinar en esclerose múltiple adoita estar integrado por profesionais especializados en fisioterapia, traballo social, psicoloxía, neuropsicoloxía, terapia ocupacional e logopedia. Dentro destes equipos, diferentes profesionais actuarán asesorando o paciente para que saiba que tipo de rehabilitación, exercicio ou deporte necesita, sen esquecer nunca o impacto psicolóxico que o diagnóstico da EM leva.

Un programa de rehabilitación que se inicia nas primeiras fases da enfermidade pode mellorar o estado xeral do paciente, tanto físico como emocional, e previr complicacións, ademais de contribuír á educación en saúde da persoa afectada e os seus familiares. A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica que non ten cura, co cal se recomenda que a persoa que empeza a facer rehabilitación o faga de forma constante e disciplinada.