Como se pode manifestar

A esclerose múltiple pódese manifestar de moi diversas formas. Calquera síntoma atribuíble a unha lesión do sistema nervioso central pode verse na EM debido a que as lesións se poden producir en calquera localización da substancia branca ou gris –tanto cerebral como medular– e deberse aos diversos mecanismos inflamatorios e neurodexenerativos implicados nesta enfermidade.

Os síntomas da esclerose múltiple  varían en cada paciente debido a que a localización e magnitude de cada ataque pode ser diferente. Algúns síntomas que se presentan poden ser case inapreciables, pero outros episodios poden ser máis evidentes e durar días, semanas ou meses, aínda que adoitan ir seguidos de remisións.

Con todo, hai síntomas que repiten con maior frecuencia entre os afectados. Así, os síntomas sensitivos da enfermidade (formigos ou adormecemento dun ou máis membros) e os visuais, presentes no 50-53 % (sobre todo perda de agudeza visual), son os síntomas máis comúns desta patoloxía, especialmente na súa fase inicial. Pola contra, na EM avanzada ou progresiva adoitan darse máis síntomas motores (40-45 % dos casos) que principalmente se manifestan en forma de debilidade e/ou rixidez muscular. Outros síntomas frecuentes son os cerebelosos (20-25 %), como inestabilidade na marcha, e os trastornos esfinterianos (10-13 %) con trastornos de micción.

Descripción corta de la imagen

Aínda que, salvo en fases moi avanzadas da enfermidade, os síntomas evidentes de deterioración cognitiva son moi infrecuentes, nunha valoración cognitiva detallada pódense atopar fallos desde o comezo da enfermidade en parte dos pacientes. Doutra banda, as alteracións do estado de ánimo como ansiedade ou depresión é algo moi frecuente entre os pacientes con EM –ben reactiva ou como consecuencia directa da propia enfermidade– e a fatiga pode chegar a estar presente ata nun 65-70 % dos pacientes.

As persoas con esclerose múltiple ás veces desenvolven graos variables de discapacidade e cando esta se adquiren é, en xeral, en casos avanzados da enfermidade: moitos dos cales foron diagnosticados na época na que non se dispoñía de tratamentos efectivos.