Coñecer a esclerose múltiple implica tamén dominar unha serie de termos específicos sobre a enfermidade e a súa evolución. Para o paciente que acaba de ser diagnosticado non é tarefa fácil enfrontarse a este vocabulario. Nesta sección recóllense palabras e expresións que pacientes, coidadores, familiares e profesionais da saúde usan no seu día a día.
A
Adherencia: adherencia a un tratamento é cumprir correctamente con el, tomar a medicación de acordo coa dose e o programa prescrito e manter esta actitude ao longo do tempo recomendado.
Anticorpo: proteína producida polo sistema inmunitario ou sistema de defensa do organismo, para neutralizar substancias daniñas, chamadas antíxenos (bacterias, fungos, parasitos, virus etc). Os anticorpos son as ferramentas que ten o sistema inmunitario para defender o organismo. Cada anticorpo defende o organismo dunha clase específica de antíxeno. Cando o sistema inmunitario equivocadamente (por un trastorno inmunitario) xera anticorpos fronte a elementos sans do noso propio corpo chámanse autoanticorpos. Neste caso estamos fronte a un trastorno autoinmunitario. É dicir, que o organismo nos defende de algo noso pero que el recoñece como nocivo.
Ataxia: descoordinación no movemento das partes do corpo.
Autoinmune: unha enfermidade autoinmune é unha enfermidade causada porque o sistema inmunitario de defensa, ataca as células do propio organismo. Neste caso, o sistema inmunitario convértese no agresor e ataca a partes do corpo no canto de protexelo.
Axón: alongamento (cilindroeixe) dunha célula nerviosa.
B
Bandas oligoclonais: fraccións de inmonuglobulinas producidas dentro do sistema nervioso que manifestan algunha patoloxía, e case sempre están presentes na EM.
Biomarcador: o marcador biolóxico é aquela substancia ou medida que se utiliza como un indicador dun estado biolóxico, de existencia de enfermidade, da súa evolución ou da eficacia dalgún tratamento.
Brote: un brote dunha enfermidade é a aparición repentina desta. Existen enfermidades crónicas como a artrite reumatoide, a esclerose múltiple, enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, e outras que cursan con brotes. Nestes casos a evolución da enfermidade cursa con períodos de silencio e períodos de aparición dos síntomas propios da enfermidade, a estes últimos nos que a enfermidade ten actividade denomínaselles brote ou recidiva.
C
Cefalorraquídeo: o líquido cefalorraquídeo é un líquido de cor transparente que baña o encéfalo e a medula espinal, atópase no interior dos ventrículos cerebrais e a canle ependimario no interior da medula espinal. En condicións normais o seu volume é de 100-150 ml.
Cerebelo: parte do cerebro situada debaixo do tronco cerebral que controla o equilibrio e a coordinación de movementos.
Corticoides: son hormonas que normalmente son producidas polas glándulas suprarrenais (localizadas encima dos riles) son os corticoides endóxenos ou os producidos polo noso propio organismo. Pero ademais estas substancias son sintetizadas artificialmente, corticosteroides exóxenos, para a súa aplicación terapéutica por ter propiedades antiinflamatorias (diminúen a inflamación) e inmunosupresoras (diminúen a reaccións inmunitarias ou de defensa do noso organismo).
D
Desmielinización: destrución da mielina.
Disfasia: trastorno da linguaxe. Perda da capacidade de producir ou comprender a linguaxe. É unha forma leve de afasia.
Disfunción vesical: alteración do funcionamento normal da vexiga, normalmente en forma de hiperreactividade, que aparece con elevada frecuencia en persoas que padecen esclerose múltiple
E
EM primariamente progresiva: forma clínica de esclerose múltiple en que a enfermidade cursa de forma progresiva desde o seu inicio.
EM remitente-recorrente: forma clínica de esclerose múltiple caracterizada pola aparición de brotes agudos con recuperación parcial ou total e sen progresión da enfermidade entre eles.
EM secundariamente progresiva: forma clínica de esclerose múltiple en que a enfermidade inicialmente se presenta a brotes e posteriormente evoluciona a progresiva.
Esclerose: endurecemento patolóxico dun tecido.
Espasticidade: é un dos síntomas máis frecuentes da esclerose múltiple que se define como un agarrotamento muscular habitualmente xeneralizado, que provoca rixidez máis ou menos continua e que normalmente, asóciase a situacións temporais de empeoramento en forma de espasmos musculares involuntarios e todo iso leva á perda progresiva da función muscular.
Estimulación eléctrica funcional: estímulo eléctrico que se lles aplica aos músculos para facilitar control voluntario motor e reducir temporalmente a espasticidade nos pacientes afectados de lesión na medula espinal, parálise cerebral ou outras desordes que afecten a neurona motora superior e en lesións cranio-encefálicas ou enfermidades neurodexenerativas.
F
Fatiga: é un dos síntomas máis comúns da EM. Trátase do cansazo elevado ou unha molestia ocasionada por un esforzo máis ou menos prolongado ou por outras causas, e que en ocasións produce alteracións físicas.
Fenómeno de Uhthoff: aumento dos síntomas neurolóxicos que se produce co aumento da temperatura corporal (síntoma moi frecuente na EM).
Fisioterapia: método terapéutico baseado no emprego científico de axentes naturais; auga, repouso, movemento, ximnasia, elasticidade, calor, luz etc.
I
Incidencia: é o número de casos novos dunha enfermidade nunha poboación e un período determinado. Temino usado en epidemioloxía.
Inflamación: resposta inmunitaria dun tecido contra axentes diversos. Caracterízase pola mobilización das células brancas e os anticorpos, inchazo e acumulación de fluídos.
Inmunitario: o sistema inmunitario ou inmunolóxico é un conxunto de estruturas, células e procesos biolóxicos do interior do organismo que o protexe contra enfermidades, identificando e matando as células estrañas (como virus, bacterias e células doutros organismos) e células cancerosas.
Inmunoglobina: unha das denominacións dos anticorpos. Substancia de tipo proteína que producen as células de defensa do organismo para loitar contra elementos estraños.
Interferón beta: é unha citocina que, baixo condicións normais, é producida polo corpo durante infeccións virais. Na esclerose múltiple, demostrouse que o interferón beta-1a ou beta-1b (Betaferon®, Avonex®, Rebif®) reduce a frecuencia de recaídas nun 30 %, diminúe o número de novas lesións nerviosas e reduce a progresión de diminucións físicas. Todos os preparados deben ser inxectados no músculo ou a pel, con frecuencia variable: desde unha vez cada dous días ata unha vez por semana, dependendo dos preparados.
M
Mielina: é unha capa illante que se forma ao redor dos nervios. Entre eles, os nervios que se atopan no cerebro e a medula espinal. Está composta de proteína e substancias graxas. O propósito da vaina de mielina é permitir a transmisión rápida e eficiente de impulsos ao longo das neuronas. Se a mielina se dana, os impulsos atrásanse, o cal pode causar enfermidades como a esclerose múltiple.
N
Neurite óptica: inflamación dun dos nervios do ollo. Adoita ser dolorosa e pode provocar visión borrosa, ou perda de visión no ollo afectado. Adoita ser o primeiro síntoma que experimenta unha persoa con esclerose múltiple. Normalmente, a visión recupera o seu estado normal por si soa despois de 8-10 semanas.
Neurona: célula nerviosa.
P
Pé caído: tamén coñecido como “pé pendular”. É o efecto dun trastorno neuromuscular (nervio e músculo) anormal que afecta a capacidade de levantar o pé á altura do nocello. O pé pendular caracterízase ademais por unha incapacidade de apuntar os dedos do pé cara ao corpo (dorsiflexión) ou mover o pé á altura do nocello cara a dentro ou cara a fóra. A perda de funcións pode estar acompañada por dor, debilidade e entumecemento. Camiñar convértese nun desafío debido á incapacidade do paciente de controlar o pé no nocello. O pé parece brando e o paciente pode arrastrar o pé e os dedos ao camiñar. Os pacientes con pé pendular, polo xeral, teñen un andar esaxerado ou con pasos moi altos chamado “marcha en estepaxe”.
Placebo: é unha substancia que carece de acción curativa e é farmacoloxicamente inerte, que se utiliza como control nos estudos clínicos. Pode producir un efecto terapéutico se o enfermo a toma convencido de que é un medicamento realmente eficaz.
Potenciais evocados: exploración que avalía a función do sistema sensorial acústico, visual, sensorial e as súas vías por medio de respostas provocadas fronte a un estímulo.
Prevalencia: é a proporción de individuos dun grupo ou unha poboación que presentan unha característica determinada nun momento ou nun período de tempo. Termo usado en epidemioloxía.
R
Remisión: é o estado no que o paciente se atopa en ausencia de signos e síntomas da enfermidade. É o obxectivo ideal do tratamento.
Resonancia magnética: exame por imaxe que utiliza imáns e ondas de radio potentes para crear imaxes do corpo. Non se emprega radiación (raios X).
S
Sistema nervioso central (SNC): é o sistema encargado de gobernar a función organizada dos nosos aparellos, o cal capta os estímulos externos por medio de receptores, tradúceos a impulsos eléctricos que conducen ao sistema nervioso central (SNC), a través dun sistema de condutores (nervios), e así, o SNC elabora unha resposta enviada polos nervios e efectuada por outros sistemas ou tecidos en resposta ao estímulo. Está formado polo cerebro e a medula espiñal.
T
Tomografía de coherencia óptica: técnica de imaxe que proporciona visualizacións en cortes e que utiliza a luz como medio. Permite a análise de tecidos de 2-3 mm de grosor. Utilízase bastante en oftalmoloxía e ten aplicacións tamén fóra da medicina como na conservación e análise de obras de arte.