A pesar de que a día de hoxe non existe unha cura definitiva para a esclerose múltiple, nos últimos anos houbo un cambio substancial no tratamento e no manexo da enfermidade, grazas á aparición de novos fármacos que modifican o seu curso. Na actualidade, son trece os tratamentos farmacolóxicos no mercado que modifican o curso da enfermidade, todos eles dispoñibles no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Cabe a posibilidade de que os medicamentos non provoquen no paciente unha melloría dos síntomas, aínda que se deben ter en conta porque a día de hoxe é a mellor ferramenta para frear a evolución da EM. Antes de decantarse por algún tratamento, o paciente debe ter en conta o seu estilo de vida, os beneficios e riscos que achegan cada terapia, así como os efectos secundarios. O consello do neurólogo é fundamental, xa que cada caso é único, polo que a toma de decisións debe ser acordada entre o paciente e o profesional sanitario.
O obxectivo principal destes fármacos é o de reducir a frecuencia e a severidade dos brotes. Estes tratamentos tamén diminuirán a acumulación de lesións (áreas danadas) no cerebro e na medula espinal. Estes medicamentos resultan máis eficaces canto antes se empecen a administrar, tras o diagnóstico definitivo e antes de que a enfermidade causase danos significativos no organismo.
Os fármacos de primeira liña son aqueles que se administrarán por tratamento de inicio. Son coñecidos como fármacos inmunomoduladores (encárganse de modular a resposta inmunolóxica, pero habitualmente non a diminúen). A pesar de que a súa eficacia é parecida, cada un ten pequenas particularidades. Os fármacos de segunda liña administraranse cando, a pesar de recibir un tratamento diferente, se seguen producindo brotes ou signos de actividade. Trátanse na súa maioría de fármacos inmunosupresores (reducen as forzas do organismo) e son realmente eficaces, aínda que os seus efectos secundarios poden ser importantes. Estes varían non só en función do fármaco senón tamén da persoa que o toma.
Tratamentos modificadores da esclerosis múltiple aprobados pola Axencia Europea de Medicamentos (EMA). Marzo 2016
*Infografía realizada por Esclerosis Múltiple España (EME)
Ademais dos tratamentos modificadores da enfermidade, tamén existen fármacos destinados a melloras os síntomas que a EM leva. Os fármacos que tratan estes síntomas englóbanse dentro do termo "tratamentos sintomáticos" e son igual de importantes que os modificadores da enfermidade, pois melloran a calidade de vida das persoas afectadas. É cuestión de analizar cada tratamento de esclerose múltiple para determinar o máis conveniente acorde cos diversos casos.