A esclerose múltiple non se diagnostica cunha única proba. O proceso diagnóstico pode ser longo e con frecuencia pode supoñer un reto mesmo para o neurólogo máis experimentado. Aínda así, os avances conseguidos nos últimos anos no campo da medicina fan que o diagnóstico da enfermidade sexa cada vez máis rápido e precoz. O tempo na EM, importa.
Segundo estudos recentes, os pacientes con EM poden empezar a mostrar síntomas e un empeoramento de saúde ata cinco anos antes do diagnóstico da enfermidade. Moitos deses síntomas duran pouco tempo e adóitanse atribuír á tensión, polo que moitos pacientes non son diagnosticados ata que aparece o primeiro brote.
Os síntomas da EM poden simular os de moitos outros trastornos neurolóxicos, polo que é importante realizar as probas pertinentes para descartar outras enfermidades e ter un diagnóstico claro que conclúa que o paciente padece esclerose múltiple. Algúns dos exames polos que o afectado debe pasar son máis comúns, como unha simple análise de sangue, aínda que outros –como a punción lumbar– poden resultar máis molestos para o paciente. A realización de todas as probas é concluínte para determinar o diagnóstico definitivo.
PRINCIPAIS EXAMES PARA O DIAGNÓSTICO DA EM:
- A análise de sangue: trátase dunha analítica xeral, pero tamén inclúe outros parámetros específicos e útiles no proceso diagnóstico.
- A resonancia magnética cerebral: é unha proba similar ao escáner ou TAC pero que utiliza campos magnéticos e permite obter unha imaxe do cerebro moito máis detallada.
- A punción lumbar: permite estudar varios compoñentes do líquido cefalorraquídeo, o líquido que rodea o cerebro e a medula espinal.
- Os potenciais evocados: unhas probas que estudan a transmisión dos estímulos sensoriais que recolle o sistema nervioso).
De todas estas probas, foi a resonancia magnética a técnica que supuxo un maior avance no diagnóstico da EM.