A Esclerose Múltiple Secundaria Progresiva alcánzase cando o grao de discapacidade persiste e/ou empeora entre brotes. Este tipo de Esclerose Múltiple pode aparecer despois dunha fase remitente-recorrente do proceso e considérase unha forma avanzada da EM. Entre un 30 e un 50% dos pacientes que sofren inicialmente a forma remitente-recorrente da EM, desenvolven a forma secundaria progresiva. Isto dáse tras un período de tempo que depende da idade de inicio e que adoita ocorrer entre os 35 e os 45 anos. A EM secundaria progresiva caracterízase por unha progresión continua con ou sen recidivas ocasionais, remisións pouco importantes e fases de estabilidade.
O PASO Á EM SECUNDARIA PROGRESIVA
Segundo datos da organización MS Society, nun prazo de 10 anos aproximadamente o 50% das persoas con Esclerose Múltiple Remitente-Recorrente fará a transición a EM secundaria progresiva. En 25 anos esa porcentaxe escala ata aproximadamente o 90%. Entre o 10% e 30% das persoas con EM Remitente–Recorrente pode chegar a presentar unha forma máis leve da enfermidade e, aínda cando transcorran décadas desde o primeiro brote, manter niveis de independencia moi altos.
COMO SABER QUE SE CHEGOU Á EM SECUNDARIA PROGRESIVA?
Para os profesionais sanitarios é complexo saber cando unha persoa fixo a transición dunha forma a outra da enfermidade. O propio paciente será a principal fonte de información. Hai que ter en conta que a forma progresiva secundaria caracterízase pola menor ocorrencia de brotes. Mesmo nalgunhas persoas estes poden desaparecer.
O que sucede é que a deterioración e a discapacidade non se deben aos episodios de inflamación, senón á neurodegeneración, que parece ter unha evolución independente dos brotes. Ao comezo da enfermidade predomina a inflamación, pero ao redor dos 15 anos esta comeza a ter menor protagonismo e os danos que se observan son froito da neurodegeneración, é dicir, da deterioración e perda de fibras nerviosas.