Dende a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) organizamos un acto para a presentación da I Guía de Esclerose Múltiple - Intervencións profesionais. O acto tivo lugar en Santiago de Compostela o 14 de xuño no Salón de Actos da Consellería de Sanidade, e acompañounos Alfonso Alonso Fachado, Subdirector Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas.
Nesta guía preténdese, de maneira distintiva, dar a coñecer o traballo das persoas profesionais que teñen un papel importante na busca dunha mellora na calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple (EM).
O traballo coordinado, multi e interdisciplinar é imprescindible para abordar a xestión do día a día das persoas con EM.
Para a elaboración desta guía contamos coa participación de profesionais especialistas no tratamento da EM en diversos campos, así como co aval dos seguintes colexios profesionais:
- Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLG)
- Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra (COFPO)
- Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG)
- Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
- Colexio Oficial de Terapia Ocupacional de Galicia (COTOGA)
- Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG)
- Colexio Oficial de Enfermería de Lugo (COE)
Esta guía fíxose realidade grazas tamén ao mecenado da Fundación Roviralta e da Fundación Barrié que deron o impulso inicial.