A EM en Galicia é como un ferrari correndo por corredoiras

Nas enfermidades neurolóxicas xa hai anos que se acuñou un concepto que está aceptado e que é o da “ neuroplasticidade”. Esencialmente consiste en que o sistema nervioso pon en marcha mecanismos de compensación dos déficits que poida sufrir activando grupos de neuronas e circuítos que doutra maneira non estarían activos. Cando existe unha fractura dun óso, a reparación do mesma prodúcese independentemente de que fagamos algo, formando un callo mellor ou peor dependendo de que se inmobilice ou non esa fractura; pero o callo formarase porque o organismo ten as ordes pertinentes para que sexa así. No sistema nervioso tamén existen esas ordes "intrínsecas" de autorreparación pero deben ser fomentadas.

A rehabilitación, persegue, non só manter adecuadamente o sistema musculoesquelético se non tamén, activar e estimular os mecanismos de reparación e de compensación dos déficits. É dicir, fomentar a neuroplasticidade. Cando tratamos persoas enfermas de esclerose múltiple con fármacos, o custo dese tratamento é de aproximadamente 10.000- 12.000 euros/ano.

Non realizar rehabilitación supón renunciar a unha das partes do tratamento que é a rehabilitación física e funcional, é dicir, renunciar a fomentar a neuroplasticidade e a poñer en marcha os mecanismos compensatorios dos posibles déficits que poidan existir. Nesas circunstancias gastamos moito diñeiro para non aproveitalo de forma adecuada, é dicir “Compramos un Ferrari pero non podemos aproveitar todas as prestacións que nos pode dar, e limitámonos a pasear co noso Ferrari por unha corredoira e non por unha autoestrada”

JOSÉ Mª OSCAR PRIETO GONZALEZ