Noticias

© FEGADEM | 21/03/2025 | O SilEMcio do Rural

Dende FEGADEM anunciamos a estrea do documental O SilEMcio do Rural

O documental estrearase o día 3 de abril en Santiago de Compostela, na sede de ACEM. O seu obxectivo é detectar e visibilizar as necesidades das persoas con EM do rural galego. 14 persoas socias das entidades membro de FEGADEM participaron neste proxecto.

21/03/2025 | Santiago de Compostela

O SilEMcio do Rural é un proxecto levado a cabo dende a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e coa colaboración das súas cinco entidades membro: ACEM SantiagoACEM CoruñaAVEMPOAODEMPER e ALUCEM. Esta iniciativa ten como obxectivo a detección de necesidades das persoas con Esclerose Múltiple que viven no rural galego, para darlles cobertura e visibilidade a través dun informe e un documental. 

O documental 'O SilEMcio do Rural'

Sinopse

No rural galego, onde as distancias poden ser longas e os servizos escasos, hai voces que case non se escoitan... pero existen. E teñen moito que contar.

O SilEMcio do Rural é unha viaxe ao corazón do rural, a onde tamén hai persoas que conviven coa Escleros Múltiple. Historias reais, silencios que falan e unha pregunta no aire: que ocorre cando a distancia impón as súas barreiras?

14 entrevistas a 14 persoas con Esclerose Múltiple que viven no rural galego e que contan as súas vivencias, emocións, preocupacións e necesidades. 

Unha loita contra as distancias e as barreiras invisibles da Esclerose Múltiple.

Duración

32 minutos.

O informe

O informe realizado a raíz do proxecto se presentará o día da estrea do documental e, posteriormente, poderase acceder a el publicamente a través da web. Nel detectamos as necesidades, analizámolas e damos propostas de cobertura analizando a realidade social destas persoas. 

A estrea

O documental e o informe presentaranse en Santiago de Compostela, na sede de ACEM, o xoves 3 de abril ás 17:30 horas. O acto terá unha duración aproximada dunha hora e media e proxectarase o documental, presentarase o proxecto e o informe, e conversarase entre as persoas asistentes sobre a temática.

O acto é aberto a todo o mundo, pero é necesario inscribirse previamente neste formulario, por correo a comunicacion@esclerosismultiplegalicia.org ou ao 604 035 684. A cabida é limitada

Posteriormente, o documental proxectarase nos seguintes lugares: A Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense. 

Outras datas (en actualización)

Ourense - 23 de abril - REMATADO

A Coruña - 13 de maio - REMATADO

Ferrol - 22 de maio - REMATADO

Vigo - 27 de maio - REMATADO

Teo - 10 de xuño - REMATADO

Santa Comba - 16 de outubro - Inscríbete

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Servizos e Proxectos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Programa integral de xestión, visibilización e sensibilización da EM > ComunícatEM
Colabora > Apoia coa túa firma > Accións pechadas > Titular de la acción 00
Esclerosis múltiple (EM) > Centros de Atención e Rehabilitación > A.C.E.M. - Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA, outras Enfermidades Neurodexenerativas e Enfermidades Raras