ALUCEM celebra o seu 30 aniversario recoñecendo o traballo conxunto en favor das persoas con Esclerose Múltiple
O pasado sábado 16 de maio, o Hotel Méndez Núñez de Lugo acolleu a celebración do 30 aniversario de ALUCEM. Foi unha xornada para conmemorar tres décadas de traballo, apoio e acompañamento ás persoas con Esclerose Múltiple e ás súas familias.
Dende FEGADEM tivemos a honra de asistir a este acto. Compartimos un espazo de encontro co movemento asociativo, profesionais sanitarios, institucións e persoas vinculadas á entidade ao longo da súa historia. Ademais, recibimos un recoñecemento polo apoio e o traballo conxunto desenvolvido durante estes anos. Recibímolo con orgullo e sabemos que simboliza a importancia da colaboración entre entidades para seguir avanzando na defensa dos dereitos.
A posta en valor da evolución dos avances na Esclerose Múltiple
A celebración do 30 aniversario de ALUCEM serviu tamén para facer un percorrido pola evolución da atención á Esclerose Múltiple ao longo das últimas décadas.
Un dos relatorios centrais foi o de Robustiano Pego Reigosa, xefe de Neuroloxía do HULA. Realizou unha revisión da traxectoria da Esclerose Múltiple dende as súas primeiras abordaxes na medicina ata a actualidade. Durante a súa intervención destacou os avances científicos, sanitarios e terapéuticos acadados nos últimos anos. Tamén a relevancia do traballo coordinado entre profesionais, entidades sociais e persoas afectadas.
A continuación, tomou a palabra Alba Fernández Lodeiro, fisioterapeuta da entidade. Falou da evolución da fisioterapia na atención ás persoas con Esclerose Múltiple. Na súa intervención explicou como se pasou dunha visión máis xeralizada e pasiva a unha metodoloxía moito máis activa e centrada nas necesidades concretas de cada persoa. Un enfoque que contribúe a mellorar a autonomía, a funcionalidade e a calidade de vida.
O acto contou tamén coa intervención dun dos socios fundadores de ALUCEM, Manuel Domingo López Freire. Compartiu unhas emotivas palabras sobre os inicios da asociación, o esforzo colectivo realizado durante estes 30 anos e a evolución da entidade ata converterse nun referente na provincia de Lugo.
Recoñecementos a entidades e institucións colaboradoras
Durante a celebración entregáronse distintos recoñecementos a entidades e institucións que contribuíron ao crecemento e consolidación de ALUCEM ao longo destas tres décadas.
Entre as entidades recoñecidas atopábase FEGADEM. Tamén outras organizacións e administracións como COGAMI, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, entre outras institucións colaboradoras.
Dende FEGADEM énchenos de orgullo este recoñecemento. Pon en valor a importancia do traballo en rede, da cooperación e do compromiso social por seguir mellorando a atención ás persoas con EM e ás fmailias.
Un espazo de encontro e convivencia
A xornada finalizou cun espazo de coloquio, conversa e convivencia arredor duns aperitivos. Favoreceron o intercambio de experiencias entre asistentes, profesionais, entidades e persoas vinculadas ao movemento asociativo.
O 30 aniversario de ALUCEM foi unha celebración da traxectoria da entidade. Foi unha oportunidade para reafirmar o compromiso coa inclusión, a atención integral e a mellora da calidade de vida das persoas con EM.
Dende FEGADEM queremos felicitar a ALUCEM por estes 30 anos de traballo, esforzo e compromiso. Agradecemos o recoñecemento recibido. Seguiremos traballando da man outros 30 anos para continuar avanzando na sensibilización social. Porque debemos seguir defendendo os dereitos e construíndo unha sociedade máis inclusiva e accesible para todas as persoas.
