FEGADEM organiza unha sesión sobre o papel do solo pelviano na Esclerose Múltiple
A saúde do solo pelviano é unha cuestión moi importante para moitas persoas con Esclerose Múltiple (EM). Aínda así, segue sendo un tema pouco visibilizado. A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) organiza unha sesión informativa e online sobre o papel do solo pelviano nesta enfermidade. Colabora a fisioterapeuta especializada Montserrat Ceballos Rivera.
Como afecta a Esclerose Múltiple ao solo pelviano?
A Esclerose Múltiple pode afectar aos nervios que conectan o cerebro coa pelve, provocando alteracións que impactan no día a día das persoas. Entre os síntomas máis frecuentes relacionados co solo pelviano destacan:
- Incontinencia
- Estreñimento
- Dor pélvica
- Tensión muscular na zona pélvica
- Disfunción sexual
- Sensación de urxencia para ouriñar, entre outras.
Estas dificultades poden aparecer tanto en mulleres como en homes con EM e teñen un impacto físico, emocional e social importante. Por iso, é importante coñecer o funcionamento do solo pelviano e aprender estratexias de prevención e tratamento. Con isto, promóvese o benestar e a autonomía persoal.
Unha sesión para resolver dúbidas e ofrecer ferramentas prácticas
Durante esta sesión informativa abordaranse cuestións relacionadas coa fisioterapia de solo pelviano, os síntomas máis habituais na EM e diferentes abordaxes terapéuticas para mellorar a funcionalidade e a calidade de vida.

A actividade será impartida por Montserrat Ceballos Rivera, fisioterapeuta formada na Universidade de Vigo e actualmente especializada en solo pelviano pola Universidade de València. Conta con formación específica neste campo, ademais de en ecografía musculoesquelética, ondas de choque e magnetoterapia, nutrición e pilates solo e máquinas.
Ademais, mantense en formación continua no ámbito da saúde e da fisioterapia especializada, sobre todo relacionada coa saúde da muller e o benestar integral.
Data e horario da sesión

- Data: Mércores 17 de xuño
- Hora: 17:30 horas
- Modalidade: online
- Imparte: Montserrat Ceballos Rivera
Inscrición aberta ata completar aforo
A sesión ten prazas limitadas, polo que é necesario realizar inscrición previa.
Formulario de inscrición: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeOwdysVGn1TY9Ldh1V4_KQhmphLdF9FBCPfptgZ1KdM0C_Zg/viewform?usp=header
Dende FEGADEM seguimos impulsando espazos de información, acompañamento e sensibilización arredor da Esclerose Múltiple, promovendo o acceso a recursos especializados que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con EM.
