A Federación celebra a súa I Reunión Estratéxica do Persoal Técnico de FEGADEM e das Entidades Membro
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) celebrou en Santiago de Compostela a I Reunión Estratéxica do Persoal Técnico de FEGADEM e das entidades membro. Esta foi un encontro de traballo, reflexión e coordinación para reforzar a rede asociativa de Esclerose Múltiple en Galicia.
A xornada reuniu profesionais das entidades que forman parte da Federación. Compartiron realidades, analizaron retos e identificaron oportunidades de cara aos próximos anos.
Un espazo para compartir a realidade das entidades de Esclerose Múltiple en Galicia
As entidades sociais que traballan no ámbito da Esclerose Múltiple afrontan varios retos. Un é a sustentabilidade económica dos servizos, ou a participación das persoas socias, a captación de novos apoios, a relación coas administracións públicas, a comunicación, a visibilidade social, o coidado dos equipos profesionais… Todos ámbitos que se deben ter en conta á hora de mellorar a atención ás persoas con EM e as familias.

Durante a reunión, as persoas participantes realizaron unha análise compartida da situación actual das asociacións. A través de diferentes dinámicas de traballo, puxéronse en común as áreas que presentan maiores dificultades. Tamén os aspectos que están a funcionar ben e as tendencias que poden influír no futuro da atención ás persoas usuarias.
A reflexión permitiu identificar preocupacións e fortalezas dentro da rede. Falouse do da especialización dos equipos, a proximidade ás persoas usuarias, a capacidade de adaptación das entidades e o compromiso coa defensa dos dereitos das persoas con EM, entre outras.
Traballo en rede para mellorar a atención ás persoas con EM
Un dos eixos centrais da xornada foi o papel de FEGADEM como espazo de coordinación, apoio e representación. As profesionais analizaron que servizos, proxectos ou accións pode reforzar a Federación nos próximos anos. Tamén aquelas áreas nas que o traballo conxunto pode aportar máis valor que a actuación individual de cada asociación.

A colaboración entre entidades permite compartir coñecemento, intercambiar boas prácticas, optimizar recursos e dar respostas máis coordinadas ás necesidades das persoas con EM en Galicia. Neste sentido, a xornada tamén serviu para coñecer mellor experiencias das distintas asociacións. Cada entidade puido compartir iniciativas que están a presentar bos resultados, así como dificultades ou aspectos que se poden mellorar.
Mirando ao futuro da Esclerose Múltiple en Galicia
A última parte da reunión estivo centrada na reflexión sobre o futuro. As persoas participantes identificaron cuestións que a rede debe conservar, aspectos que é necesario cambiar e novas propostas. Todo para contribuír a mellorar a atención, a participación e a incidencia social das entidades.

A I Reunión Estratéxica do Persoal Técnico de FEGADEM nace coa vontade de consolidarse como un espazo periódico de encontro entre profesionais das entidades membro, para compartir aprendizaxes e avanzar en ofrecer respostas coordinadas.
Porque mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple en Galicia require entidades fortes, equipos coidados e unha rede capaz de traballar unida. Seguimos!
