Vota a FEGADEM nos Premios EMbárcate de Sanofi 2024
O noso proxecto “O SilEMcio do Rural” está entre os candidatos ao Premio do Público na 6ª edición do Proxecto EMbárcate, con votacións online abertas ata o 10 de decembro.
Estamos emocionadas de anunciar que o noso proxecto “O SilEMcio do Rural” está entre os candidatos ao Premio do Público na 6ª edición do Proxecto EMbárcate de Sanofi. Co noso proxecto buscamos visibilizar e atender ás necesidades específicas das persoas con Esclerose Múltiple (EM) que viven no rural galego. Agora, necesitamos o teu apoio para facer realidade esta iniciativa.
Que é “O SilEMcio do Rural”?
No rural galego, moitas persoas con EM enfrontan barreiras importantes, como o illamento, a falta de recursos accesibles e as dificultades para acceder aos servizos básicos. O noso obxectivo é detectar estas necesidades, proporcionar apoio e poñer en marcha solucións que melloren a súa calidade de vida. Queremos romper o “silencio” que arrodea a estas situacións e dar voz ao rural galego.
Por que votar a FEGADEM?
O teu voto pode marcar a diferenza para que “O SilEMcio do Rural” sexa unha realidade aínda máis forte. Este proxecto suporá:
- Maior proximidade ás persoas do rural: identificar as súas necesidades reais.
- Mellorar a calidade de vida das persoas con EM e das súas familias.
- Crear unha rede de apoio no rural: loitando contra o illamento e garantindo servizos máis accesibles.
Como podes votar?
Segue estes pasos. É moi sinxelo!:
1. Accede á páxina do Proxecto EMbárcate.
2. No menú despregable, selecciona: “ID 11296: Gallego: O SilEMcio do Rural // Castellano: El SilEMcio del Rural”.
3. Preme o botón “Envía tu voto”.
E listo! Non precisarás rexistrarte nin proporcionar datos adicionais.
Ata cando podo votar?
A votación está aberta ata o 10 de decembro. O proxecto que reciba máis votos obterá o Premio Especial do Público, ademais dos 5 premios outorgados por un xurado de expertos.
Por que é tan importante?
O Proxecto EMbárcate naceu en 2019 como unha iniciativa solidaria de Sanofi para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que traballan pola mellora da calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple e os seus familiares. Este ano, a súa misión céntrase en reducir o impacto da progresión da discapacidade a través de proxectos transformadores.
En FEGADEM temos o compromiso de dar voz a todas as persoas con EM do rural galego, e con “O SilEMcio do Rural” queremos navegar cara unha sociedade máis inclusiva e xusta.
Axúdanos a facer realidade este soño!
Deixa o teu voto a FEGADEM e xuntas levaremos a esperanza e o apoio ao rural galego. Cada voto conta, e con tan só uns segundos, podes contribuír a cambiar vidas.
Vota agora e comparte! Apoia ás persoas con Esclerose Múltiple que viven no rural galego.
