Un dispositivo de ultrasóns podería frear a progresión da Esclerose Múltiple
O Hospital do Mar Research Institute está desenvolvendo o prototipo deste dispositivo de neuroestimulación con ultrasóns, que estará dispoñible en xullo.
A Esclerose Múltiple
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade crónica e neurodexenerativa que afecta ao sistema nervioso central, provocando danos na mielina que dificultan a difusión da información do cerebro ao resto do corpo. Ten moitos síntomas diferentes segundo cada persoa, polo que recibe o nome da enfermidade das mil caras. Algúns deles son problemas de mobilidade, da linguaxe, dor, fatiga, problemas de equilibro, parálise… En España afecta a máis de 55.000 persoas e en Galicia a unhas 4.500, sendo esta unha das comunidades autónomas con máis prevalencia do Estado.
Terapias e tratamentos
Aínda non existe unha cura, pero si hai tratamentos farmacolóxicos e rehabilitadores que poden reparar algúns danos provocados pola EM e frear ou facer máis lenta a progresión da enfermidade.
A investigación
O equipo de Pablo Villoslada, do Hospital do Mar Research Institute, traballa nestas terapias para mellorar a calidade de vida das persoas con EM. O seu último e actual prototipo é o dun dispositivo de neuroestimulación a través de ultrasóns focalizados.
Esta neuroestimulación podería ralentizar a progresión e incluso mellorar algunhas das secuelas, xa que modula as células do sistema nervioso e podería así promover a remielinización, rexeneración e redución da inflamación.
En estudos previos, demostrouse que os ultrasóns favorecen a remielinización, e en animais con EM, o equipo de Villoslada foi capaz de reducir a clínica e as lesións na médula.
“Podería axudar a recuperar a mobilidade de mans e pernas, a deambulación e control de esfínteres e reducir a dor neuropática”, afirma Villoslada.
O prototipo
O prototipo deste dispositivo estará dispoñible en xullo de 2025 e probarase por primeira vez en humáns, testando se o equipo funciona ben e resulta cómodo para as persoas. Tras estas primeiras comprobacións, pasarase ao ensaio clínico. Este tratamento será combinado con outras técnicas de rehabilitación para que sexa máis efectivo.
Se os resultados desta terapia son positivos, podería ser efectiva tamén para as persoas que viven con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e para as persoas con lesións medulares traumáticas.
