A campaña solidaria ‘Móllate’ pola Esclerose Múltiple trasládase ao barrio de Bouzas na súa oitava edición
A Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) organiza a única cita en Galicia da campaña ‘Móllate pola Esclerose Múltiple’ que se celebra en máis de 900 praias e piscinas de España. A entidade estará no paseo marítimo de Bouzas o 6 de xullo coa celebración cunha cadea humana, mangueirazo solidario, actividades…
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) celebra por oitavo ano consecutivo en Vigo a campaña solidaria ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’, acuñada en Galicia como ‘Móllate’. A cita terá lugar o próximo domingo 6 de xullo e, como novidade este ano, a campaña trasládase ao barrio vigués de Bouzas, onde está ubicada a sede da asociación. O paseo marítimo acollerá así, de maneira exclusiva en toda a comunidade galega, esta campaña de sensibilización social que ten por obxectivo achegar á sociedade unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 3.700 persoas en Galicia e arredor de 55.000 en España.
Unha nova edición
Nesta nova edición do ‘Móllate’ pacientes e familiares de AVEMPO estarán informando sobre a campaña e animando á participación social ao longo do día. A asociación instalará unha carpa co merchandising exclusivo da campaña e material da propia entidade no paseo marítimo de Bouzas. Todos os fondos recadados destinaranse ao mantemento dos servizos que AVEMPO ofrecena súa sede ás persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias.


Actividades para todas as idades
Ao longo de todo o día, AVEMPO celebrará distintas actividades para todas as idades. Entre outras actividades, a asociación instalará este ano a súa xa tradicional ruleta solidaria con premios para quen participe coa súa doazón. Durante a xornada celebrarase tamén unha clase gratuíta de zumba (17.00hrs.) na explanada ubicada fronte á Igrexa de San Miguel de Bouzas. A oitava edición do ‘Móllate’ contará ademais con actuacións musicais, cos concertos solidarios de The Freebillies (11.30hrs.) e de Marcha Atrás (18.00hrs.).
Cadea humana na praia
A asociación substitúe este ano os seus tradicionais chapuzóns solidarios pola Esclerose Múltiple por unha cadea humana na praia de Bouzas (12.30hrs.), na que animan a sumarse a todos os bañistas na beira do areal. Acto seguido, ás 13.00hrs., terá lugar un gran mangueirazo solidario na explanada fronte á igexa, onde se agarda que os Bombeiros de Vigo mollen a golpe de mangueira a todas as persoas presentes en solidaridade coa Esclerose Múltiple.
Pola tarde, ás 16.30hrs., AVEMPO convoca unha batalla de auga tamén na explanada, para a que anima a toda a xente a asistir ao acto con cubos e pistolas de auga para mollar ás persoas participantes.
Nova páxina web
En paralelo, AVEMPO habilitou unha páxina web (https://avempo.org/mollate/) para informar sobre o ‘Móllate’, o programa de actividades e como sumarse á campaña, na que as persoas interesadas poderán colaborar coa asociación coa adquisición de merchandising, facendo unha doazón ou inscribíndose como socias da entidade.
Historia da campaña
Dende que se iniciou a campaña en 1994 en Cataluña, cada ano celébrase o ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’ ao longo de toda a xeografía española. Este ano, a iniciativa terá lugar en máis de 900 praias e piscinas de todo o país, nas que se prevé que se mollen máis de 100.000 persoas e participen arredor de 3.000 voluntarios nesta acción solidaria para visibilizar a Esclerose Múltiple.
