FEGADEM presentou o libro infantil de Os Bolechas sobre a Esclerose Múltiple
O pasado sábado 13 de decembro, a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) presentou o seu libro infantil Os Bolechas. A profesora Celia ten Esclerose Múltiple. Este pretende ser unha ferramenta para informar aos nenos e nenas sobre esta enfermidade.
O acto de presentación
A presentación foi a mañá do sábado 13 no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, en Santiago de Compostela. Enmarcouse nas actividades de Nadal deste centro, ademais de celebrarse co gallo do Día Nacional da Esclerose Múltiple (18 de decembro). Ao acto asistiron nenos, nenas, familias e persoas con EM, formando así un espazo de encontro diverso e de sensibilización.


Tralos discursos máis institucionais, as técnicas do Espazo Educativo encargáronse de ler o libro aos nenos e nenas. Despois, repartiuse un xogo de cartas elaborado pola Federación para que a infancia comprendera como poder axudar con pequenas accións ás persoas con EM que o precisan. Para rematar, puideron disfrutar das actividades que o centro preparou para eles e elas. Cada familia marchou do acto cun exemplar do libro e unha baralla de cartas dos Bolechas e a Esclerose Múltiple.


Un libro para educar en inclusión e respecto
Este libro, iniciativa de FEGADEM, forma parte da colección Os Bolechas, da Editorial Bolanda. Narra a experiencia da profesora Celia convivindo coa Esclerose Múltiple. A través de información sinxela e clara, o libro permite que os nenos e nenas comprendan a enfermidade dun xeito natural. Foméntanse valores como a empatía, a inclusión, o respecto á diversidade e a solidariedade.
Tal e como sinalou Teresa González, presidenta de FEGADEM, durante o acto:
“É importante educar dende a infancia para promover unha sociedade máis informada e inclusiva.”

A información e a educación dende idades temperás permite traballar para loitar contra o descoñecemento e combater os estigmas asociados á Esclerose Múltiple.
O libro como recurso educativo
Este libro infantil conta, dun xeito positivo e adaptado á infancia, conceptos básicos para comprender a Esclerose Múltiple. A mielina, o funcionamento do sistema nervioso central, os síntomas da enfermidade, os tratamentos, os/as profesionais, o papel das asociacións…
Deste xeito, este libro é un recurso educativo útil para as escolas, bibliotecas e familias que traballan por unha sociedade máis xusta e informada.
Agradecementos
Dende a Federación agradecemos a todas as persoas que asistiron ao acto, así como ao persoal do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes polo seu traballo. A Begoña Abeijón, Directora da Secretaría Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, polo seu apoio constanté á Federación. E a Goretti Sanmartín, alcaldesa da cidade compostelá, polo seu traballo diario en favor do eido social.


Agradecer tamén a Miriam Louzao, Concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, pola asistencia e o apoio. E ao resto de autoridades do Concello de Santiago de Compostela: do Partido Popular a Nerea Barcia e Yolanda Otero, e as non adscritas Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños.
A presenza institucional sempre é importante á hora de visibilizar as necesidades dun colectivo e defender os seus dereitos, así como mellorar a súa calidade de vida.
Dispoñibilidade do libro
O libro estará proximamente dispoñible en bibliotecas e escolas de toda Galicia.
Se queres contar con algún exemplar na túa escola ou biblioteca, contacta con FEGADEM e explicarémosche como facerte co teu.
