Entrevistan a FEGADEM en Radio Xallas sobre alimentación antiinflamatoria
O pasado xoves, FEGADEM participou no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, conducido polo xornalista Xosé Manuel Lema. Este programa está dedicado á divulgación e posta en valor da actualidade de Santa Comba.
Entrevista a Yasmina Domínguez sobre alimentación
Na entrevista participou Yasmina Domínguez, persoal do departamento de nutrición de FEGADEM. Ela abordou a alimentación antiinflamatoria, un tema moi difundido na actualidade. As redes sociais popularizaron este concepto a miúdo sen ningunha base científica. Por isto é imprescindible que a intervención e a sensibilización sobre esta temática se centre en achegar unha visión rigorosa, baseada na ciencia e afastada das modas ou as recomendacións pouco fundamentadas.
“O corpo é sabio, e nós necesitamos cumprir os seus requirimentos de forma normal, sen meter produtos estraños nin fórmulas raras“, afirma Domínguez durante a entrevista.
A importancia de volver ás bases
Durante o programa fíxose fincapé na importancia de volver ás bases dunha alimentación equilibrada. As graxas, proteínas e hidratos de carbono están suxeitas a unha multitude de estigmas. As proteínas véndense complementando unha morea de produtos, mentres que as graxas e os hidratos están condeados a ser os axentes malvados da alimentación.
Non obstante, dende FEGADEM pretendemos desmontar estes mitos sobre o seu consumo. Yasmina Domínguez explicou a importancia de consumir os alimentos na súa xusta medida, cumprindo os requirimentos do organismo. Cómpre entender que tanto as graxas como os hidratos son fundamentais na dieta. Só é importante coñecer cales e cantos se deben consumir.
Inflamación puntual e inflamación crónica
Durante a conversa diferenciouse entre a inflamación puntual e a crónica. A inflamación é un proceso natural do corpo que se dá durante múltiples procesos normais do organismo. A problemática é cando esta situación se cronifica. Esta inflamación é importante tela en conta en casos de enfermidades crónicas como pode ser a Esclerose Múltiple (EM).
“Non temos que evitar a inflamación, senón que esta situación se cronifique”, advertíu Domínguez.
Non hai unha dieta máxica antiinflamatoria nin uns produtos milagre específicos. O importante é consumir os requirimentos necesarios do corpo de maneira equilibrada e coñecendo a situación de cada organismo. Deste modo, pódese comprender que alimentos se deben priorizar, que nutrintes e complementos poden facer falla e que se debe evitar ou reducir na medida do posible.
A Semana da Saúde do Concello de Santa Comba
A entrevista desenvolveuse no marco da Semana da Saúde do Concello de Santa Comba. Esta iniciativa permitíu compartir cos veciños e veciñas información práctica sobre hábitos de vida saudables e autocoidado. Impartíuse unha xornada sobre solo pelviano, sobre benestar emocional…
Dende FEGADEM colaborouse cunha sesión sobre alimentación antiinflamatoria en enfermidades crónicas. Aproveitouse a xornada para concienciar sobre a EM e sobre a importancia de coñecer e controlar os procesos inflamatorios nesta.
Desde FEGADEM queremos agradecer a oportunidade de participar neste espazo e contribuír á difusión de información científica e útil para a cidadanía.
Escoita a entrevista
Podes escoitar a entrevista completa en iVoox a partir do minuto 1:04:00: https://www.ivoox.com/xoves-9-abril-2026-na-encrucillada
