Coñece a Lorena Bermúdez, deportista ferrolana con Esclerose Múltiple
Practica baloncesto, pádel, balonmán e exercicios de forza. “Preciso o deporte tanto para o meu corpo como para a miña mente”.
Lorena Bermúdez, coñecida como Lore, é unha muller ferrolá que foi diagnosticada con Esclerose Múltiple (EM) fai unha década. Sabe o que é convivir coa EM dende fai tempo, xa que dende facía 5 anos vía como seu pai vivía con este diagnóstico. “Eu xa tiña un mestrado nesta enfermidade”, comenta. Non obstante, para ela, o deporte é moito máis que unha forma de manterse activa; é algo fundamental para a súa saúde física e mental.
Un diagnóstico en pleno entrenamento
Lorena sempre foi unha persoa moi activa. Dende os 3 anos practicaba karate, e dende entón, a súa paixón polo deporte foi constante. Porén, a EM fíxose presente de maneira inesperada durante un entrenamento de boxeo. “Un día, o meu entrenador díxome que estaba arrastrando unha perna”, lembra. “Non mo crín e entón mandoume tirarme ao chan e intentar levantala. Xa non fun capaz”, explica. A partires dese momento, a vida desta ferrolá cambiou por completo, aínda que nunca deixou que a EM frease o seu amor polo deporte.
O deporte: imprescindible para a súa independencia
Hoxe en día, Lore practica baloncesto, balonmán, pádel e realiza exercicios de forza no ximnasio. “Precísoo tanto para o mu corpo como para a miña mente, sobre todo para a miña mente”, asegura. O entrenamento de forza converteuse no seu mellor aliado para manter a súa independencia. “Traballar a forza é imprescindible para poder moverme día a día e ter independencia”, engade. Incluso cando o seu corpo parece non responder de todo, ela asegúrase de realizar algún tipo de exercicio diario para evitar que o seu corpo se volva “como cemento, máis ríxido”.
Adaptación ante os brotes
A EM de Lorena avanza con cada brote, deixando secuelas que afectan á súa mobilidade. Lonxe de deterse, ela adapta os seus entrenamentos para non deixar de moverse. “En agosto tiven un brote nos brazos, pero seguín facendo exercicio, adaptándoo ás miñas capacidades”, conta. Incluso durante os momentos máis complicados, cando non pode asistir ao ximnasio, Lore creou o seu propio espazo de entrenamento en casa para non deixar de exercitarse.
A mente, outro campo de entrenamento
Ademais da súa dedicación ao deporte, Lorena mantense activa mentalmente a través do debuxo e o estudo de diferentes cursos, como o de linguaxe de signos. Desta maneira, busca combater o deterioro cognitivo que pode acompañar á EM. Con estas habilidades, tamén comparte a súa experiencia en centros educativos, chegando aos nenos e nenas que empregan a linguaxe de signos para comunicarse.
Rompendo barreiras
A pesares dos desafíos que supón a EM, a Lore nada nin ninguén a detén. “Entendo que a xente faga comentarios, sorpréndelles e o valoran”, comenta, pero a súa filosofía de vida é clara: non poñerse límites. Compriu retos como subir montañas, e aínda que lle asusta a idea de tirarse en paracaídas, sabe que podería facelo se o propuxera.
Para aquelas persoas que enfrontan un diagnóstico así, Lorena ten unha mensaxe directa: “Non hai que ter medo, hai que levantarse cada día e facer o que se poida”. Ademais, confía plenamente nos avances médicos e na importancia de seguir loitando día a día, sen perder a esperanza.
A importancia do exercicio na EM
O caso de Lorena Bermúdez marca a relevancia do deporte na vida das persoas con EM. A actividade física axuda a manter a mobilidade e a forza muscular, así como a saúde mental.
Podes ler o artigo completo aquí.
