Galicia reforza o seu liderado no tratamento da Esclerose Múltiple
Galicia consolídase como referente asistencial e investigador sobre a Esclerose Múltiple (EM). Isto é grazas, en parte, ao traballo do CHUVI (Complexo Hospitalario Universitario de Vigo). Este fai seguimento a arredor de 900 persoas con esta enfermidade, dando unha resposta de calidade e coordinada. Tamén o CHUS (Hospital Clínico Universitario de Santiago) ten Unidade de EM, coa que atende a máis de 920 persoas.
Un ecosistema asistencial sólido en Galicia
A Unidade de EM do CHUVI, integrada no servizo de neuroloxía, ten un enfoque multidisciplinar que implica áreas como farmacia, radioloxía, oftalmoloxía, uroloxía, rehabilitación, hematoloxía e análises clínicas. Este modelo garante unha atención integral e centrada na persoa.
O equipo está formado por profesionais especializados/as, entre elas as neurólogas Marta Aguado, Inés González e Elena Álvarez. Está reforzado con perfís de investigación, neuropsicoloxía e coordinación de ensaios clínicos. Isto permite combinar a práctica clínica coa innovación.
No CHUS contan tamén cunha Unidade de EM. Esta é un centro de referencia nacional. No 2023, atendía a unhas 925 persoas, diagnosticando ao ano a unha media de 23 novos casos. Ten un equipo multidisciplinar que ofrece seguimento ás persoas, ademais de desenvolver investigación arredor desta enfermidade.
No seu equipo, integrado na área de neuroloxía, conta con traballo tamén nas áreas de rehabilitación, uroloxía, xinecoloxía, oftalmoloxía, radiodagnóstico… Tamén actúa con outros dispositivos asistenciais para garantir a continuidade asistencial, como coa atención primaria, a atención especializada ambulatoria ou os hospitais comarcais.
Formación continua e innovación
O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu recentemente a segunda edición dun curso especializado que reuniu a medio cento de neurólogos e neurólogas de Galicia, Asturias e León. Neste encontro falouse sobre:
- Biomarcadores de última xeración
- Novas técnicas de resonancia magnética
- Sistemas de monitorización da actividade da enfermidade
- Estratexias de personalización terapéutica
Os e as profesionais sanitarios/as actualízanse a través destes cursos e encontros, o que permite a mellor toma de decisións clínicas nun contexto no que “non hai certezas”.
Diagnóstico precoz e mellora do prognóstico
Un dos avances máis relevantes en Galicia é o diagnóstico cada vez máis temperán. Grazas á maior sensibilización da atención primaria, á implicación das asociacións de pacientes e á formación dos e as especialistas, redúcense os tempos de detección.
Isto é determinante, xa que iniciar o tratamento canto antes pode evitar en parte o dano cerebral e diminuír o risco de discapacidade a longo prazo.
Acceso a tratamentos avanzados e investigación
O CHUVI e o CHUS dispoñen de todo o arsenal terapéutico dispoñible na actualidade, incluíndo opcións de alta eficacia e procedementos como o transplante de medula ósea, reservado para casos nos que outras alternativas non funcionan.
En Galicia realizáronse xa tres transplantes deste tipo en persoas con EM, dous deles no Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, existen grandes expectativas en torno ás terapias CAR-T, actualmente en fase de ensaio clínico.
Unha enfermidade complexa que require respostas coordinadas
A EM é unha enfermidade inflamatoria, autoinmune e neurodexenerativa que afecta principalmente a persoas novas, entre os 20 e os 40 anos, cun maior impacto en mulleres. Coñecida como “a enfermidade das mil caras”, presenta síntomas moi diversos e segue sen ter cura.
Non obstante, os avances terapéuticos permiten hoxe controlar mellor a evolución da enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas que conviven con ela.
Galicia, un modelo a seguir
O traballo desenvolvido no CHUVI e no CHUS sitúa a Galicia nunha posición destacada na abordaxe da EM a nivel estatal. A combinación da asistencia de calidade, a investigación activa e a formación continua é a base dun modelo que pon no centro ás persoas e aposta pola mellora constante.
Para o movemento asociativo galego, este contexto supón unha oportunidade estratéxica para seguir reforzando a sensibilización social, a defensa de dereitos e a colaboración co sistema sanitario.
Fontes:
https://www.atlantico.net/vigo/unidad-esclerosis-multiple-seguimiento-900_1_20260223-4172756.html
