Exercicios para as persoas con Esclerose Múltiple
Realizar exercicios moderados de forma regular é unha boa estratexia para manexar os síntomas da EM.
A Esclerose Múltiple (EM) afecta ao sistema nervioso central, polo que realizar exercicios moderados e frecuentes pode ser unha estratexia efectiva para manexar os síntomas. Este artigo guiarache a través dunha serie de exercicios favorecedores para persoas con EM, co obxectivo de mellorar a postura, o equilibrio, a estabilidade do tronco, a forza ou a respiración.
Beneficios de realizar exercicios para a EM
A práctica regular de exercicios ten varios beneficios para as persoas con EM, entre os que destacan:
- Redución da fatiga: a actividade física regular pode axudar a diminuír este síntoma.
- Mellora da mobilidade: axuda a manter e mellorar a flexibilidade e a forza muscular.
- Aumento da calidade de vida: a actividade física pode contribuír a unha mellor saúde mental e emocional.
A Multiple Sclerosis Trust do Reino Unido elaborou unha guía completa sobre exercicios que as persoas con EM poden realizar en casa. Se tes dúbidas sobre a realización dos exercicios, é recomendable consultar cun(ha) fisioterapeuta especialista.
Exercicios para a EM
Exercicios posturais
1. Facer a ponte:
- Posición inicial: acostado/a cos xeonllos dobrados e os pés apoiados no chan a unha distancia duns 30 cm.
- Pasos:
- Tensa os glúteos e levanta as cadeiras do chan formando unha ponte.
- Mantén a posición e baixa lentamente.
Repite de 3 a 5 veces.
2. Estiramento de pernas:
- Posición inicial: a catro patas, co peso distribuído nas catro extremidades.
- Pasos:
- Levanta unha perna recta cara atrás e mantén a posición.
- Baixa lentamente e repite coa outra perna.
Repite de 3 a 5 veces por perna.
Exercicios para o equilibrio
1. Equilibrio cos pés xuntos:
- Posición inicial: de pé, cos pés xuntos e pegados.
- Pasos:
- Intenta manter o equilibrio sen apoio e conta os segundos.
- Podes estar próximo/a a unha superficie fixa por se precisas axudarte.
Obxectivo: acadar 20 segundos.
2. Equilibrio cunha perna:
- Posición inicial: de pé, cos pés lixeiramente separados.
- Pasos:
- Levanta unha perna do chan e mantén o equilibrio.
- Podes estar preto dunha supeficie fixa por se precisas apoio.
Intenta acadar 15 segundos por perna.
Exercicios para a estabilidade do tronco
1. Estiramento de brazos e pernas:
- Posición inicial: a catro patas.
- Pasos:
- Levanta un brazo e a perna oposta ao mesmo tempo.
Repite de 3 a 5 veces con cada lado.
2. Sentarse e levantarse:
- Posición inicial: sentado/a nunha superficie firme.
- Pasos:
- Coloca as mans sobre os xeonllos e empurra cara abaixo para levantarte despacio.
Repite de 3 a 5 veces.
Exercicios para o control da pelve
1. Inclinación da pelve:
- Posición inicial: acostado/a cos xeonllos dobrados.
- Pasos:
- Inhala e ao exhalar, tensa o abdome, levanta lixeiramente o pescozo tratando de mirar o teu embigo de forma que a pelve se incline.
Repite de 3 a 5 veces.
Exercicios para aumentar a forza
1. Elevación de brazos:
- Posición inicial: sentado/a sobre unha superficie firme.
- Pasos:
- Sostén un obxecto lixeiro e recto e eleva os brazos rectos por enriba da cabeza (ou todo o alto que poidas sen estrar os cóbados).
Repite de 3 a 5 veces.
Exercicios de respiración
Os exercicios de respiración son moi importantes para mellorar a postura e exercitar o diafragma e os músculos abdominais. Ademais poden axudar en momentos de estrés ou ansiedade.
1. Inhalar e exhalar:
- Posición inicial: sentado/a.
- Pasos:
- Coloca as mans sobre a parte baixa das costelas e realiza unha inspiración profunda notando que o espazo que cubran as túas mans énchese de aire.
- Solta todo o aire sentindo que sae todo o que gardaras nos teus pulmóns.
Repite 2 ou 3 veces. Máis pode causar mareos.
Exercicios para brazos e mans
1. Deslizar pola mesa:
- Posición inicial: sentado/a nunha mesa.
- Pasos:
- Desliza as mans cara adienta por enriba da mesa usando un trapo ou toalla.
Repite de 3 a 5 veces.
2. Tocarse os dedos:
- Posición inicial: sentado/a.
- Pasos:
- Toca a punta de cada dedo co polgar.
Repite de 3 a 5 veces con cada man.
Realizar exercicios para a EM pode ser unha forma efectiva de manexar os síntomas e mellorar a calidade de vida. Lembra sempre escoitar ao teu corpo e consultar con fisioterapeutas se tes dúbidas ou problemas coa realización dos exercicios. Se algo te doe ou molesta, pregunta primeiro antes de realizalo. A actividade física, aínda que sexa moderada, pode aportar grandes beneficios, así que anímate a moverte!
Para máis información sobre exercicios específicos para a Esclerose Múltiple, podes consultar a guía de Multiple Sclerosis Trust.
Fonte: Fundació Esclerosi Múltiple
