As inflamacións fora do cerebro supoñen unha progresión máis rápida da Esclerose Múltiple
No estudo da Universidade de Southampton participaron 50 persoas con Esclerose Múltiple que levaban uns 12 anos diagnosticadas.
O estudo “Systemic inflammation associates with and precedes cord atrophy in progessive multiple sclerosis” da Universidade de Southampton e publicado en Brain Communications, chegou á conclusión de que a inflamación fora do cerebro e a médula espiñal asóciase a máis danos no sistema nervioso das persoas con formas progresivas de Esclerose Múltiple (EM).
Estas inflamacións poden estar causadas por resfriados comúns, gripes, infeccións do tracto urinario (ITU)…, polo que “é importante que as persoas con EM minimicen a inflamación na medida do posible”, afirma Ian Galea, coautor do estudo. Para minimizar estas inflamacións é fundamental “recibir todas as vacinas recomendadas e buscar atención rápida para as infeccións de vexiga. Seguir un estilo de vida saudable tamén podería ser beneficioso”, engade Galea.
Como afecta a inflamación na EM
Na EM, a inflamación provoca danos nas fibras do Sistema Nervioso Central (SNC), encargado de controlar todas as funcións do corpo. A medida que pasa o tempo, algunhas partes do SNC das persoas con EM sofren atrofia (encollemento) debido ao dano progresivo e á perda das células nerviosas.
Segundo estudos realizados en modelos animais, esta atrofia vese potenciada e acelerada coas infamacións fóra do SNC. Con este estudo, quíxose descubrir se isto sucede tamén nas persoas con EM, xa que “as últimas investigacións demostran que este tipo de inflamacións provocan a perda de células nerviosas no laboratorio”, afirma Galea.
As persoas participantes do estudo
No estudo participaron 50 persoas con formas progresivas da EM: 28 delas con EM Primaria-Progresiva e 22 con EM Secundaria-Progresiva. Estas persoas levaban polo menos 12 anos diagnosticadas e tres cuartas partes delas necesitaban apoio para camiñar.
Durante 2,6 anos, estas persoas sometéronse a un seguimento a través do cal analizábanse mostras de orina semanalmente e resonancias magnéticas rutinarias. Avaliáronse así os marcadores de inflamación fóra do SNC e a atrofia deste mesmo.
Resultados
Estes datos resultantes foron os que permitiron que as persoas investigadoras realizaran probas estatísticas buscando asociacións entre as inflamacións e a atrofia. Resultou en que as persoas con máis inflamación presentaban tamén máis atrofia na médula espiñal. Non obstante, os resultados non mostraron unha asociación significativa entre a inflamación e a atrofia do cerebro, polo que será necesario realizar máis estudos.
A importancia da investigación
A investigación pode axudar a comprender que pasa a nivel molecular cando se dan este tipo de inflamacións, o que podería axudar a desenvolver novos fármacos. Dado que a inflamación en todo o corpo pode empeorar a progresión da Esclerose Múltiple, deberíase traballar en minimizar estas inflamacións utilizando as vacinas, xestionando ben os síntomas e tratando precozmente as infeccións.
Fonte: Esclerosis Múltiple España
Estudo: https://academic.oup.com/braincomms/article/6/3/fcae143/7655554?login=false
