Carmen Ventoso é unha xogadora de baloncesto con Esclerose Múltiple
Carmen Ventoso, xogadora e capitá do CB Terra Chá, inspira dentro e fóra da cancha ao convivir con Esclerose Múltiple sen deixar de lado a súa paixón polo baloncesto.
A historia de Carmen Ventoso Lista (San Cibrao, Cervo, 1991) é unha proba da perseverancia e resiliencia que supón vivir con Esclerose Múltiple (EM), unha enfermidade crónica e neurodexenerativa que a acompaña dende fai máis de catro anos. Esta condición de alta intensidade, que aparece en brotes, afecta ao sistema nervioso central e pode provocar síntomas invisibles como fatiga, dor muscular, problemas de mobilidade e cambios na visión. A pesares delo, Carmen continúa liderando ás súas compañeiras no equipo CB Terra Chá como capitá e é un exemplo de que a EM non define á persoa.
“Sigo sendo Carmiña, co meu humor negro e enfrontando cun sorriso todas as adversidades que veñan”, comparte Carmen. Para ela, o baloncesto é unha terapia que lle permite sobrelevar a EM cunha actitude positiva. Recentemente, tras máis dun ano sen xogar, Ventoso regresou á cancha nun partido contra o Floristería Madeira Sarria. “Volver a xogar tras máis dun ano parada non é fácil e menos con esta enfermidade. Estame costando máis que a outra vez”, pero insiste no gran apoio que recibe do seu equipo: “Emocióname canto confían en min as miñas compañeiras e o meu entrenador, a fe que me teñen como capitá. Recibíronme cos brazos abertos, somos como unha familia”, afirma.
A saúde mental e o apoio
Ademais dos síntomas físicos como a fatiga, que é o que peor leva, Carmen destaca o impacto da EM na súa saúde mental. Tras un tempo inactiva, a súa vida deu un xiro cando o cambio de tratamento coincidiu cun momento difícil na súa vida familiar. “Parei de xogar porque entre un cambio de tratamento e que miña nai sufriu un ictus, entrei en depresión. Menos mal que a pillei a tempo”. A saúde mental convírtese en algo fundamental na vida de Carmen, quen se apoia na terapia psicolóxica que recibe no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). “Estou en mans dun psicólogo incrible. Vou pola seguridade social (…) e estame axudando moitísimo a tirar para adiante”, comparte. Ademais, a súa neuróloga anímaa a seguir practicando deporte e a manterse activa noutras actividades, como tocar nun grupo lucense de batucada.
Carmen recoñece que, para ela, a saúde mental é tan importante como a física, especialmente para quen vive con enfermidades crónicas. “Na miña contorna laboral e familiar tamén me apoian moitísimo para que siga loitando. Teño uns pais incribles, unhas amizades que me fan esquecer por momentos que estou enferma e unhas compañeiras de traballo que me axudan e me coidan no meu día a día”, detalla.
A falta de apoio público
A pesares de contar cun contorno de apoio e de profeisonais sanitarios implicados no seu caso, Carmen denuncia a falta de respaldo institucional para as persoas con enfermidades ás veces invisibles, como a EM. “Estaba sen ver nin andar, valoráronme por teléfono sen mirarme e danme un 10% de minusvalía por unha enfermidade neurodexenerativa incurable. Estamos desamparados. Os políticos, a Xunta ou quen corresponda, deberían facer algo máis por nós”. Carmen sinala que moitas veces a invisibilidade dos síntomas da EM dificulta o recoñecemento do seu impacto na vida diaria de quen vive con ela.
Carmen avoga por unha maior concienciación pública e apoio gobernamental para as persoas con EM e outras enfermidades crónicas. A adaptación da contorna laboral, o acceso a tratamentos e terapias adecuadas, e a valoración xusta das discapacidades son algunhas das áreas que precisarían un cambio.
O deporte como terapia
O deporte converteuse nunha ferramenta terapéutica esencial para Carmen. Inspirada en figuras como Ramón Arroyo, un deportista con Esclerose Múltiple que completou un ironman e cuxa historia inspirou o filme 100 metros, Carmen síntese impulsada a non rendirse: “Sempre di que rendirse non é unha opción”, e ela comparte esa filosofía.
Como “dama de ferro”, como algúns a chaman, Carmen segue buscando oportunidades para disfrutar da súa paixón polo baloncesto e outros deportes, como o surf, que espera retomar pronto nas costas de San Cibrao xunto ao Club Limosa. “Xoguei 23 minutos o domingo pasado; nada mal para unha esclerótica”, bromea, demostrando que o humor é unha parte esencial da súa vida.
Ler o artigo completo neste enlace.
