Novo proxecto de detección de necesidades nas persoas con EM no rural, de FEGADEM
FEGADEM desenvolve un novo proxecto, coa colaboración das súas entidades, para detectar as necesidades das persoas con EM que viven no rural galego.
En Galicia, as persoas que viven no rural enfrontan desafíos que se suman ás complicacións de enfermidades como a Esclerose Múltiple (EM). Este proxecto de FEGADEM consiste en detectar ditas necesidades, coa colaboración das nosas cinco entidades membro: ACEM Santiago, ACEM Coruña, ALUCEM, AVEMPO e AODEMPER.
O SilEMcio no Rural
Conscientes desta realidade, dende FEGADEM (Federación Galega de Esclerose Múltiple) puxemos en marcha un proxecto de detección de necesidades das persoas con EM no rural galego: “O SilEMcio no Rural”. O noso obxectivo é dar visibilidade aos retos aos que se enfrontan estas persoas.
Por que é importante este proxecto?
O acceso a tratamentos e terapias no rural é moito máis complicado que nas cidades. O afastamento dos hospitais, a falta de especialistas ou o transporte limitado poden ser algúns dos obstáculos que estas persoas deben superar. Este proxecto busca identificar estes problemas e sensibilizar á sociedade sobre a situación.
O impacto das asociacións na vida rural
As asociacións de persoas con EM xogan un papel fundamental neste proxecto. A través das súas redes de apoio, estas asociacións son o punto de unión entre as persoas e os servizos que necesitan. Facilitan o acceso a tratamentos, ofrecen apoio psicolóxico e promoven a visibilización da enfermidade en zonas onde, a miúdo, estas necesidades quedan ocultas.
Ademais, fomentan un sentido de comunidade entre as persoas e as súas familias, reducindo o illamento e ofrecendo un espazo de comprensión e acompañamento. Asociarse a estas entidades é un acto de solidariedade e de fortaleza colectiva.
Este proxecto é un paso para mellorar a vida das persoas con EM no rural galego. Coa colaboración das asociacións, as propias persoas e a sociedade en xeral, podemos crear un futuro máis inclusivo e accesible para todos e todas.
Queres colaborar?
Poñemos a disposición de todas as persoas relacionadas coa EM do rural galego un buzón de demandas, no que podedes deixar as vosas necesidades. Só pediremos unha forma de contacto e un concello de procedencia para poder realizar accións nun futuro para mellorar dita situación.
Asóciate e únete á nosa rede.
