Caixa Bank realiza unha doazón a FEGADEM este 2024 para colaborar coa súa causa
A aportación económica solidaria de Caixa Bank irá destinada aos traballos da Federación e das súas 5 entidades membro, para mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple.
O pasado luns 30 de setembro, a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) foi beneficiaria dunha doazón realizada pola oficina de Caixa Bank de Frei Rosendo Salvado, Santiago de Compostela.
A directora da sucursal, Paula García, entregou persoalmente o cheque á presidenta de FEGADEM, Teresa González, nun evento no que tamén estivo presente Aldara López, coordinadora da Federación. Esta contribución fortalecerá o traballo de FEGADEM e as súas cinco entidades membro: ACEM Santiago, ACEM A Coruña, AVEMPO Vigo, AODEMPER Ourense e ALUCEM Lugo.
Impacto da doazón
A cantidade doada será utilizada para manter e mellorar os servizos que a Federación e as súas entidades membro ofrecen ás persoas con Esclerose Múltiple (EM) en Galicia. Estes servizos inclúen rehabilitación, apoio psicolóxico, asistencia integral ou visibilización para mellorar a calidade de vida das persoas e as súas familias.
A colaboración con entidades como Caixa Bank permite a FEGADEM seguir desenvolvendo proxectos que son esenciais para o benestar da comunidade con EM.
Grazas, Caixa Bank
Dende FEGADEM, de novo expresamos o noso agradecemento a Caixa Bank polo seu compromiso e solidariedade coas causas sociais. Este tipo de apoios son fundamentais para continuar coa nosa labor e mellorar a situación de quen convive coa Esclerose Múltiple en Galicia.
