Descobre os síntomas invisibles da Esclerose Múltiple
Fatiga, alteracións cognitivas ou dor neuropática son só algúns dos síntomas invisibles que afectan á calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple (EM).
Que é a EM?
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade crónica, autoinmune e neurodexenerativa que afecta ao sistema nervioso central, provocando dificultades de comunicación entre o cerebro e o corpo ao producir danos na mielina. Pode manifestarse de moitas maneiras dependendo de cada persoa, por iso recibe o nome da Enfermidade das mil caras. Máis aló dos síntomas físicos, hai outros que non se perciben a simple vista: os síntomas invisibles. Recoñecelos e visibilizalos axudará a crear unha sociedade máis comprensiva e inclusiva.
Que son os síntomas invisibles?
Son as manifestacións que non son evidentes para as demais persoas, pero que afectan a quen convive coa EM. A súa invisibilidade pode xerar incomprensión, estigmatización ou a errónea percepción de que “non pasa nada”.
Fatiga: máis aló do cansancio común
A fatiga é un esgotamento físico e mental que abruma, que aparece sen realizar esforzos e que non ten por que mellorar co descanso. Pode ser moi limitante e impedir realizar actividades cotiás básicas.
Estar abrumada, coma se tiveras que atravesar un río de lama, con roupa pesada e empapada, cunha mochila chea de pedras.
Trastornos cognitivos
Dificultades de concentración, problemas de memoria ou lentitude no procesamento da información son frecuentes na EM. Estes síntomas poden afectar ao rendemento laboral, á vida social e á autoestima, e moitas veces a contorna minimízaos.
A miña mente vai máis lenta, cústame lembrar palabras. Perdo o fío das conversas. Sinto que o cerebro fállame, aínda que ninguén o vexa.
Dor neuropática
A dor na EM adoita ser de orixe neurolóxica. Sensacións de quemazón, pinchazos, formigueo ou hipersensibilidade ao tacto poden aparecer sen causa aparente. Este tipo de dor é real, aínda que invisible.
É coma ardor ou pinchazos por dentro, coma se te queimase ou te cravasen agullas. Ás veces é constante, outras veces vén e vai.
Trastornos do estado de ánimo e ansiedade
A depresión e a ansiedade son comúns en persoas con EM, tanto por causas biolóxicas como polo impacto emocional do diagnóstico e a evolución da EM. A miúdo, estes síntomas non se recoñecen como parte do cadro clínico, o que dificulta o seu tratamento adecuado. Para iso, as asociacións membro de FEGADEM contan con persoal cualificado e especializado para levar a cabo tratamentos adaptados a cada persoa. Podes consultar os seus servizos na web.
Medo ao futuro, ao que pode pasar. Incertidume. É sentir que todo pesa, que estou lonxe de min mesma.
Outros síntomas invisibles frecuentes
- Trastornos do sono
- Problemas de visión
- Problemas de vexiga
- Mareos ou vertixes
- Hipersensibilidade á temperatura
- Problemas sexuais
A importancia de sensibilizar e acompañar
Entender os síntomas invisibles é necesario para mellorar a calidade de vida das persoas con EM. A empatía, a escoita activa e o respecto son fundamentais para familiares, profesionais, amizades e contornas laborais.
Os síntomas invisibles son reais, aínda que non se vexan. Visibilizalos é un paso máis para garantir unha atención máis humana, efectiva e inclusiva. Como Federación estamos comprometidas coas persoas que viven con EM e seguiremos traballando para promover o coñecemento, a comprensión e o respecto cara todas as dimensións da enfermidade.
