Grupo de apoio online para persoas con Esclerose Múltiple: inscríbete!
En FEGADEM estamos a impulsar a creación dun grupo de apoio online para persoas con Esclerose Múltiple (EM). Queremos ofrecer un lugar de encontro seguro, participativo e accesible, no que poidamos compartir experiencias, acompañarnos mutuamente e fortalecer a rede de apoio. Será guiado por unha psicóloga especializada.
Antes de poñelo en marcha, precisamos coñecer as túas preferencias e necesidades, para que as xuntanzas teñan o formato, os horarios e os contidos que mellor se adapten a ti.
Podes cubrir o formulario aquí: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSclx7eqV8L9p1BEIls9l-Huvj5LzVE4tHI3GBWCRVjpPu7SlQ/viewform?usp=header
Un espazo de apoio
As persoas con Esclerose Múltiple afrontan cada día retos físicos, emocionais e sociais. Contar cun espazo de encontro regular, onde falar sen xuízos e compartir vivencias con quen entende o que sentimos, pode marcar a diferenza.
Estes encontros online permitirán:
- Fomentar a interacción e o apoio mutuo entre persoas con EM.
- Crear un espazo seguro e confidencial para compartir inquedanzas.
- Promover a participación activa e o benestar emocional.
Formato flexible e participativo
Sabemos que cada persoa ten circunstancias distintas. Por iso, queremos coñecer cal é o formato máis cómodo:
- Sesións online regulares, accesibles dende calquera lugar.
- Posibilidade de un encontro presencial ao ano, se así o desexades.
- Elección da plataforma máis práctica (Zoom, Google Meet, Teams…).
- Adaptación de horarios e días da semana segundo a dispoñibilidade das persoas participantes.
Todo isto permitirá deseñar unha programación flexible e inclusiva, pensada para que todas as persoas interesadas poidan participar activamente.
Participa agora
Se tes Esclerose Múltiple e che gustaría formar parte deste espazo, anímate a cubrir o formulario. Só che levará uns minutos e axudarás a construír unha rede de apoio sólida, participativa e próxima.
