FEGADEM achega as claves da alimentación antiinflamatoria a Santa Comba
O pasado domingo 12 de abril, a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) participou na Semana da Saúde do Concello de Santa Comba. Foi unha sesión centrada na alimentación antiinflamatoria e a súa relación coa saúde e coa Esclerose Múltiple (EM).
A actividade, celebrada na Casa da Cultura, reuniu a varias persoas interesadas na temática. Desenvolveuse nun ambiente participativo, no que a cidadanía puido resolver dúbidas, compartir experiencias e adquirir coñecementos prácticos aplicables no seu día a día.
Un espazo para aprender sobre alimentación e saúde
A sesión foi impartida por Yasmina Domínguez, profesional do servizo de nutrición de FEGADEM. Abordou diferentes aspectos relacionados coa alimentación e o benestar:
- A importancia de manter unha alimentación saudable e equilibrada.
- A ciencia como fonte: derrubo dos mitos das dietas milagre e os alimentos máxicos.
- O papel dos hábitos de vida na saúde.
- Estratexias prácticas para incorporar unha alimentación antiinflamatoria.
Durante a sesión, a atención centrouse na necesidade de tomar decisións informadas e adaptadas á realidade de cada persoa.

Alimentación antiinflamatoria e Esclerose Múltiple
A alimentación é un dos piares da boa saúde, especialmente no contexto de enfermidades crónicas como a EM.
Neste sentido, a sesión permitiu afondar en cuestións como o papel da nutrición na prevención de enfermidades e a relación entre a inflamación e a alimentación. Tamén na influencia dos hábitos alimentarios na calidade de vida das persoas con EM.
Aínda que non existen solucións únicas nin dietas específicas que curen a EM, unha alimentación equilibrada e uns hábitos saudables contribúen ao benestar.
Unha actividade dentro da Semana da Saúde de Santa Comba
Esta acción enmárcase dentro da Semana da Saúde organizada polo Concello de Santa Comba. Está baixo o lema “Coidarse hoxe é gañar saúde mañá”. Esta é unha iniciativa orientada a fomentar o autocoidado e proporcionar ferramentas prácticas á cidadanía.
O programa incluíu diferentes actividades centradas no benestar físico, mental e social, como sesións sobre solo pelviano, saúde mental ou musicoterapia en familia.
Compromiso coa divulgación e a calidade de vida
A participación de FEGADEM neste tipo de iniciativas responde ao compromiso coa divulgación de información rigorosa e científica sobre a Esclerose Múltiple, así como coa promoción de hábitos saudables que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas.
Servizo de nutrición de FEGADEM
Lembramos que FEGADEM conta cun servizo de nutrición dirixido ás persoas socias das entidades membro, a través do cal ofrécese asesoramento personalizado adaptado ás necesidades de cada persoa.
Para acceder a este servizo, podes contactar coa túa asociación de referencia.
