Entrevista a Teresa González, Presidenta de FEGADEM
Teresa González, Presidenta de FEGADEM e expresidenta de ACEM, recibíu o pasado 7 de marzo o premio “Mulleres de Compostela 2025” outorgado polo Concello de Santiago de Compostela. Afirma que “aínda que é difícil, as cousas van cambiando (…). Que se queremos que o mundo mude, temos que cambialo nós”.
Teresa González Salvadores, Presidenta da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM), foi unha das oito mulleres galardoadas o pasado 7 de marzo co premio “Mulleres de Compostela 2025”. Este recoñecemento, outorgado polo Concello de Santiago de Compostela, valora a súa loita polos dereitos das persoas con Esclerose Múltiple (EM) e o seu compromiso coa igualdade e a inclusión. Nesta entrevista, González comparte a súa visión sobre a situación das mulleres con discapacidade en Galicia e o significado deste premio para ela.
E: Teresa, este 2025 recibes o premio “Mulleres de Compostela”. Que significa para ti este recoñecemento?
T.G.S.: Este premio é moi especial e importante para min. A verdade é que estou abraiada, orgullosísima e moi emocionada. Por iso quero darlle as grazas ao Concello de Santiago de Compostela por este recoñecemento ó meu labor, e porque sinto que está equiparado a mulleres cunha carreira profesional e de vida admirables, ás mulleres que eu represento, mulleres con discapacidade, afectadas por enfermidades crónicas e dexenerativas que loitan polos seus dereitos.
E: A túa traxectoria está marcada pola loita polos dereitos das persoas con Esclerose Múltiple e das mulleres con discapacidade. Como comezou todo?
T.G.S.: Dende o meu diagnóstico, sinto como unha parte da sociedade non me trata da mesma maneira que antes. Por riba, non teño as mesmas posibilidades nos traballos, cos seguros, coas hipotecas… Subíronme os custes da vida diaria, e falando coas miñas compañeiras de enfermidade dinme conta de que a elas pasáballes o mesmo.
Comecei na Asociación [ACEM] botando unha man, pero pronto comprendín que a maneira de chegar a todas as persoas afectadas era achegando as nosas necesidades ás administracións e esixindo que esas necesidades se cubran.
E: Como representante de entidades que traballan coa Esclerose Múltiple e outras enfermidades, na túa opinión cales son os principais retos que enfrontan as mulleres con discapacidade en Galicia?
T.G.S.: Recoñezo que sinto debilidade polas mulleres galegas. Somos fortes, con iniciativa, con inquedanzas, pouco conformistas, temos un forte apego á nosa terra que nos motiva a loitar por ela e cambiar as cousas. Pero aínda así non o temos fácil, a discapacidade asusta á nosa sociedade.
E: Que papel xogan as asociacións na loita polos dereitos das persoas con discapacidade?
T.G.S.: Hoxe, as Asociacións somos colectivos fortes e moi presentes na vida das vilas, xa que temos a capacidade de influír en moitos dos aspectos sociais. Somos as primeiras en detectar as necesidades do noso colectivo e facelas visibles e, por suposto, esixir que se cubran tanto nos gobernos locais como nos autonómicos. Non é nada fácil, pero as cousas van cambiando.
E: Este premio recoñece a túa traxectoria, pero tamén o teu compromiso coa cidade de Santiago. Que significa para ti a túa cidade?
T.G.S.: Recoñezo que Santiago é un soño para vivir, é unha vila tranquila, pequena pero que ao mesmo tempo ten unha oferta cultural e de ocio moi intresante. Ademais, conta con moita diversidade de persoas. Para Santiago, a rede asociativa é importante tanto para dar servizos como para manter as nosas tradicións, e ó mesmo tempo desenvolver a creatividade de novos talentos. O que temos é unha riqueza, por iso dende que asumín a presidencia de ACEM considerei tan importante darlle visibilidade e estar presente nos momentos importantes da nosa vila.
E: Que mensaxe lanzarías ás mulleres con discapacidade galegas?
T.G.S.: Que non teñan medo e que sempre que o precisen pidan axuda. Nós estamos para apoialas e acompañalas en todas as súas necesidades. Como muller con discapacidade só sinto admiración por nós. Con menos funcións, temos que percorrer o mesmo camiño de vida que o resto das persoas. E iso é admirable, sen dúbida.
E: Para rematar, que lle dirías ás mulleres que están a comezar no campo do asociacionismo ou noutros ámbitos similares?
T.G.S.: Que se queremos que o mundo mude, temos que cambialo nós. As loitas son complexas e ás veces desgastan, pero ó mesmo tempo é incrible sentirte a protegonista na loita polos dereitos das persoas.
Teresa González recibíu o premio “Mulleres de Compostela 2025” o pasado 7 de marzo no Auditorio de Galicia, nunha gala que recoñeceu o labor de oito mulleres destacadas da cidade en eidos como o asociacionismo, a hostalaría ou a cultura. A gala foi conducida polo emotivo discurso da escritora Rosa Aneiros e a música de Sheila Patricia.
