FEGADEM recibe o Premio Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña
A Deputación premiou a 6 entidades sociais polos proxectos presentados á IV edición de Premios Boas Prácticas en Servizos Sociais, nunha gala celebrada en Palexco o 7 de maio.
A Deputación da Coruña entregou onte os IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, un acto que tivo lugar no Centro de Exposicións e Congresos de Palexco, en A Coruña. Estes premios recoñecen o labor excepcional das entidades sociais que traballan pola inclusión social e o benestar das persoas máis vulnerables da provincia.
Premio para a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM)
Un dos premios foi para FEGADEM, que foi recoñecida na categoría de Iniciativas no Ámbito Rural polo proxecto “O SilEMcio do Rural”. Este proxecto centra a súa atención nas persoas que viven coa Esclerose Múltiple (EM) en zonas rurais de Galicia, detectando e abordando as súas necesidades específicas, ao mesmo tempo que visibilizamos as dificultades e realidades descoñecidas que afectan á poboación rural que viven con esta enfermidade.

Grazas a este proxecto, dende FEGADEM traballamos por mellorar a calidade de vida das persoas con EM destas zonas, ademais de traballar para garantir que os seus dereitos non dependan da distancia, loitando pola igualdade de oportunidades e recursos.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación, destacou no seu discurso o valor das entidades sociais e a súa implicación para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade.
“Sodes a luz que moitas persoas necesitan para manter a esperanza”, afirmou, resaltando a colaboración entre as entidades do terceiro sector e as administracións.
Un recoñecemento para o sector social en Galicia
A existencia destes premios ten unha gran importancia para o tecido asociativo galego. Xunto a FEGADEM, foron recoñecidas COGAMI, EAPN-Galicia, Asociación Raíña Paraíso, Fundación Meniños e Asociación Arraianas, todas elas pioneiras en proxectos que traballan coa exclusión social, a discapacidade, a pobreza, a soidade non desexada e outras moitas situacións.
Ademais das entidades premiadas, a xornalista Beatriz Abelairas Cadahía tamén foi recoñecida pola súa labor como mellor comunicadora social. Abelairas destacou no seu discurso a importancia de dar visibilidade a temas como as adicións, o narcotráfico e o impacto que estas situacións teñen nas persoas e as familias, así como o importante papel das entidades sociais na rehabilitación, prevención e integración social.
A importancia destes premios
Este tipo de recoñecementos serve para poñer en valor o traballo do tecido asociativo galego e para sensibilizar á sociedade sobre a importancia de apoiar e dar visibilidade a estas accións sociais que impactan no día a día dos colectivos máis vulnerabilizados.


O traballo de FEGADEM no rural ten unha importancia cada vez maior, especialmente grazas á colaboración das nosas entidades membro: ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALUCEM, AODEMPER e AVEMPO, e a súa implicación para mellorar as condicións de vida das persoas con Esclerose Múltiple, tanto nas cidades como nas zonas máis rurais.
Agradecementos e compromiso de FEGADEM
Dende FEGADEM agradecemos este recoñecemento á Deputación de A Coruña, a Mar García Vidal (Deputada de Política Social) e a todas as persoas que fan posible que o proxecto “O SilEMcio do Rural” e o traballo de FEGADEM siga adiante. Ás persoas entrevistadas, aos e ás traballadoras das asociacións, a todas as persoas asociadas e non asociadas que conviven a diario coa EM, coas que compartimos un obxectivo común: mellorar a calidade de vida das persoas con esta enfermidade que viven en Galicia, independentemente de onde vivan.


Seguiremos traballando para que o noso compromiso co terceiro sector, con estas persoas e coas administracións sexa cada vez máis firme e máis visible. Porque as boas prácticas en servizos sociais son a base dun mundo máis xusto e igualitario para todas as persoas.
