Esclerose Múltiple en nenos, nenas e adolescentes. Claves para comprendela
A pesares de que a Esclerose Múltiple adoita diagnosticarse entre os 25 e os 40 anos, aproximadamente, estímase que entre un 5% e un 10% das persoas con EM comezan a notar os síntomas antes dos 16 anos.
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade que, na maioría dos casos, diagnostícase na idade adulta, normalmente entre os 25 e 40 anos, aproximadamente. Non obstante, tamén pode afectar a nenos, nenas e adolescentes, aínda que isto non sexa o máis habitual. Estímase que entre un 5% e un 10% das persoas con EM comezan a experimentar síntomas antes dos 16 anos.
O diagnóstico en idades temperás pode ser máis complexo e algúns síntomas poden diferir dos observados en adultos. A continuación, repasamos seis aspectos clave sobre a EM infantil.
1. Aparición da EM infantil
Na infancia e a adolescencia, a EM preséntase en forma de brotes e, a diferenza dos adultos, non mostra progresión dende o inicio. Non obstante, os nenos, nenas e adolescentes con EM teñen máis probabilidades de desenvolver a progresión antes que as persoas diagnosticadas na idade adulta.
2. Síntomas da EM en nenos, nenas e adolescentes
Moitos síntomas da EM infantil son similares aos dos adultos, como:
- Fatiga extrema
- Problemas de visión
- Entumecemento ou debilidade nas extremidades
Non obstante, os nenos, nenas e adolescentes tamén poden presentar síntomas menos comúns en adultos, como:
- Convulsións
- Falta de enerxía xeneralizada
3. Diagnóstico: un reto na infancia
O diagnóstico da Esclerose Múltiple nestas persoas menores de 18 anos é máis complicado que nos adultos. Isto débese a que hai outras enfermidades neurolóxicas con síntomas similares, como a encefalomielite diseminada aguda (ADEM), que poden xerar confusión na avaliación médica.
Para un diagnóstico preciso, empréganse:
- Resonancia magnética (RM) para detectar lesións no cerebro e a médula espiñal.
- Punción lumbar para analizar o líquido cefalorraquídeo.
- Avaliación neurolóxica e seguimento dos síntomas.
4. Impacto emocional e escolar
A EM infantil afecta tamén ao ámbito emocional e social. Os nenos, nenas e adolescentes con EM poden experimentar:
- Dificultades no rendemento escolar, debido á fatiga ou aos problemas de memoria e concentración.
- Impacto na autoestima, especialmente se a enfermidade provoca cambios físicos ou limita as súas actividades.
- Dificultades na socialización, pola falta de comprensión por parte dos/as seus/súas compañeiros/as.
Por elo, é importante contar con apoio psicolóxico e estratexias de adaptación na contorna escolar.
5. Tratamento da Esclerose Múltiple infantil
O tratamento da EM en nenos, nenas e adolescentes adoita centrarse en controlar os brotes e reducir a inflamación no cerebro e a médula espiñal. Para elo empréganse medicamentos corticosteroides, que axudan a diminuír a duración e a gravidade dos brotes.
6. Terapias non farmacolóxicas
Ademais dos medicamentos, existen tratamentos complementarios que poden mellorar a calidade de vida dos nenos, nenas e adolescentes con EM:
- Fisioterapia: para mellorar a mobilidade e reducir a rixidez muscular.
- Terapia ocupacional: axuda a adaptar as actividades diarias ás capacidades do neno/a ou adolescente.
- Atención psicolóxica: para traballar o impacto emocional da enfermidade.
Aínda que a Esclerose Múltiple infantil é menos común que nos adultos, o seu diagnóstico e tratamento presentan uns retos específicos. Unha detección temperá, un tratamento adecuado e un bo apoio emocional e educativo son clave para mellorar a calidade de vida dos nenos, nenas e adolescentes con EM.
Fonte da información aquí.
