Consellos para empresas inclusivas con persoas con Esclerose Múltiple e discapacidade
Dende FEGADEM fomentamos a inclusión laboral das persoas con discapacidade e a adaptación e accesibilidade nos entornos laborais.
A inclusión laboral fomenta un entorno diverso e equilibrado no que todos e todas os/as traballadores/as, independentemente das súas situacións, teñan as mesmas oportunidades de desenvolvemento. A continuación, proporcionamos algunhas pautas e consellos que as empresas poden seguir para ser máis inclusivas coas persoas con discapacidade, incluídas aquelas que viven con Esclerose Múltiple (EM). Estes consellos están recollidos na guía “7 consellos para ter éxito como empresa inclusiva” de Plena Inclusión.
Reflexiona sobre a inclusión laboral
Faite esta pregunta: Por que queremos contratar a persoas con discapacidade?
Esta reflexión debe realizarse a todos os niveis dentro da empresa. É importante involucrar a todos/as os/as empregados/as neste proceso. Ademais, se xa tes a persoas con discapacidade no teu equipo, reflexiona sobre como podes asegurarte de que teñan un traballo acorde ás súas capacidades e necesidades. A clave está en ofrecer postos de traballo reais, non adaptacións superficiais.
Desenvolve unha estratexia para a inclusión
Usa as ideas e respostas obtidas no paso anterior para deseñar unha estratexia inclusiva. Establece metas claras e planifica como as vas implementar. A estratexia debe ser tanxible e axustarse tanto ás necesidades das persoas con discapacidade como ás necesidades da empresa. Ten en conta a todos/as os/as teus/túas traballadores/as, xa teñan ou non discapacidade. Sé consciente de que a discapacidade pode ser física ou intelectual, e que cada caso de Esclerose Múltiple é único e debes ter en conta as necesidades de cada persoa.
Busca unha persoa ou entidade externa experta en inclusión
Unha entidade ou persoa especializada en inclusión pode ser de gran axuda para identificar o posto de traballo adecuado para as persoas con discapacidade e axudar a deseñar adaptacións que lles permitan desempeñar o seu rol de maneira eficiente. Esta persoa ou entidade tamén pode ser útil para axudar na selección de candidatos/as, na preparación da plantilla e na implementación de programas de apoio formal. Ademais, moitos programas ofrecen apoio económico para empresas que fomentan a inclusión laboral.
Fomenta o apoio entre compañeiros/as
Crea un entorno colaborativo no que os/as compañeiros/as de traballo estean dispostos/as a ser mentores/as ou persoas de contacto para os/as empregados/as con discapacidade. O apoio entre compañeiros/as facilita a integración e a creación dun ambiente de traballo inclusivo, onde todos/as séntense parte do equipo.
Establece unha comunicación aberta e fluida
Unha comunicación constante e aberta é clave. Mantén conversas regulares entre o/a traballador/a con discapacidade, o/a seu/súa mentor/a e o equipo para evitar malentendidos e frustracións. Esta canle de comunicación debe ser un espazo onde se poida falar abertamente sobre necesidades, desafíos e solucións.
Ten en conta a todo o mundo
As persoas con discapacidade tamén teñen ideas frescas e perspectivas valiosas. Dalles a oportunidade de contribuír á mellora dos procesos, simplificación de sistemas ou creación de novos métodos dentro da empresa. Ademais, é fundamental que a plantilla poida desenvolverse profesionalmente. Establece un plan de carreira personalizado para fomentar o seu crecemento dentro da empresa.
Que facer se alguén na túa plantilla ten Esclerose Múltiple?
A EM é unha enfermiedade impredecible que afecta principalmente a persoas novas, entre os 20 e 50 anos, que se atopan no pico da súa produtividade laboral. Aínda que os síntomas da EM son fluctuantes, moitas persoas afectadas poden seguir traballando co apoio adecuado.
Consideracións para apoiar a un/ha traballador/a con EM
- Adaptacións no posto de traballo: a EM pode causar fatiga extrema, dificultades de mobilidade ou alteracións cognitivas. É importante axustar o entorno de traballo, como adaptar a temperatura das instalacións ou permitir descansos máis frecuentes. As modificacións deben estar baseadas nas necesidades individuais do/a traballador/a.
- Flexibilidade horaria: algunhas persoas con EM requiren tempos de descanso adicionais durante o día. A flexibilidade nos horarios ou a posibilidade de realizar tarefas ao seu ritmo pode ser fundamental para o seu benestar e rendemento laboral.
- Comunicación constante e empática: a empatía e a comprensión son esenciais. O/a traballador/a debe ter as mesmas oportunidades de formación e ascenso que os/as demais, e é importante xestionar as expectativas do resto do equipo, explicando a situación de maneira adecuada. Se a persoa afectada está de acordo con visibilizar a súa situación, é moi importante informar sobre que é a Esclerose Múltiple, cales son os seus síntomas, como funciona… para que a plantilla poida comprender e empatizar coa situación.
- Apoio durante as crises: en momentos de brote oy crise de síntomas, a persoa pode necesitar tempo de baixa ou axustes temporais no seu posto. Asegúrate de ter procedementos establecidos para facilitar esta transición.
Adaptacións e cumprimento legal
En España, a Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social establece que os postos de traballo deben ser accesibles. Isto pode incluír realizar axustes razoables, como a modificación de tarefas ou a provisión de equipos especializados que lles axuden a desempeñar as súas funcións.
Ademais, pódese acceder a incentivos económicos para as empresas que implementen estes axustes. É fundamental que as empresas se manteñan informadas sobre os dereitos e obrigas legais relacionados coa discapacidade para garantir un entorno de traballo xusto e accesible para todos/as.
Convirte a túa empresa nun espazo inclusivo e adaptado
Ser inclusivo/a é un valor ético e social, ademais de beneficioso. A diversidade no lugar de traballo fomenta a creatividade, mellora a produtividade e fortalece a cultura organizacional. Cada paso cara a inclusión contribúe a crear un entorno máis xusto e respectuoso para todas as persoas.
Se na túa empresa hai algunha persoa con Esclerose Múltiple, é importante mostrar comprensión, ofrecer adaptacións e ser flexible. Isto facilitará a súa vida laboral e mellorará a dinámica do equipo.
Para máis información sobre como apoiar a empregados/as con EM, podes poñerte en contacto con FEGADEM, as nosas entidades membro ou consultar con expertos/as en inclusión laboral.
Fontes da información:
– 7 consejos para tener éxito como empresa inclusiva (Plena Inclusión)
– ¿Qué debemos hacer si uno de nuestros trabajadores padece EM? (Fundació Esclerosi Múltiple)
