FEGADEM leva “Máis aló do visible” ata Ferrol
A exposición fotográfica “Máis aló do visible” chega ao Hospital Naval de Ferrol. Busca visibilizar a Esclerose Múltiple (EM) dende as experiencias, as emocións e as historias das persoas que conviven coa enfermidade.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) continúa levando a súa mensaxe de sensibilización a diferentes espazos de Galicia. Desta volta, o proxecto fotográfico “Máis aló do visible” chega a Ferrol. Está alí dende o 13 de novembro e pode visitarse na entrada do Hospital Naval, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Área Sanitaria de Ferrol, utiliza a fotografía como ferramenta de transformación social. Pretende achegar á cidadanía unha realidade que moitas veces permanece invisible: a das persoas con EM.
A exposición está formada por imaxes de persoas con esta enfermidade. De maneira voluntaria, elas decidiron compartir a súa imaxe para contribuír a cambiar a percepción social da EM e cuestionar os estereotipos e prexuízos asociados.

Máis aló da Esclerose Múltiple
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica e neurodexenerativa do sistema nervioso central. Pode manifestarse de formas moi diferentes. A súa variabilidade fai que non sempre resulte evidente para a contorna. Moitos dos síntomas que experimentan as persoas que conviven con ela permanecen invisibles.
Pero a invisibilidade non se limita aos síntomas.Tamén está presente na maneira en que a sociedade interpreta a discapacidade e se relaciona coas persoas que viven con ela. Con frecuencia, a mirada social continúa asociando a discapacidade coa pena, a sobreprotección ou a dependencia. E deixa nun segundo plano a autonomía, os dereitos, as capacidades e os proxectos vitais de cada persoa.
Dende FEGADEM queremos contribuír a cambiar esta realidade. As persoas con EM non deben ser definidas pola súa enfermidade nin reducidas a unha condición de saúde. Teñen historias, emocións, desexos, capacidades e decisións propias.
Por iso, consideramos fundamental impulsar accións de sensibilización que sitúen ás persoas no centro e que permitan construír unha representación máis realista e digna da discapacidade.
FEGADEM leva a sensibilización sobre a EM aos espazos sanitarios
A chegada de “Máis aló do visible” ao Hospital Naval de Ferrol permite achegar esta mensaxe a un espazo especialmente vinculado á atención sanitaria e ao acompañamento das persoas con Esclerose Múltiple.
A colaboración da Área Sanitaria de Ferrol fai posible que pacientes, profesionais, persoas acompañantes e visitantes poidan coñecer a exposición e achegarse a unha perspectiva diferente da enfermidade.

Na Área Sanitaria de Ferrol existe unha consulta monográfica de Esclerose Múltiple, integrada no servizo de Neuroloxía. Esta realiza o seguimento de arredor de 420 pacientes e diagnostica unha media de 10 novos casos ao ano.
Esta consulta ofrece atención especializada e multidisciplinar, con participación de profesionais de Neuroloxía, Enfermaría e Psicoloxía, entre outros recursos asistenciais.
Para FEGADEM, a sensibilización nos espazos sanitarios é tamén unha oportunidade para lembrar que a atención ás persoas con EM debe contemplar todas as dimensións da súa vida. Xunto ao diagnóstico, os tratamentos e o seguimento clínico, son fundamentais o benestar emocional, a autonomía personal, a participación social e o respecto aos seus dereitos.
Unha sociedade máis inclusiva comeza por cambiar a mirada
A EM presenta unha enorme diversidade de síntomas. Pode afectar á visión, á mobilidade, á sensibilidade, ao equilibrio ou ás funcións cognitivas, entre outras. Ademais, algúns dos seus síntomas non son perceptibles externamente.
Dende FEGADEM defendemos que a inclusión pasa por recoñecer a diversidade, respectar a autonomía e garantir que as persoas con EM poidan participar plenamente na sociedade.
Con “Máis aló do visible” queremos contribuír a ese cambio. Un cambio que comeza coa visibilidade, pero que debe continuar coa empatía, o recoñecemento dos dereitos e a eliminación das barreiras.
Agradecemento á Área Sanitaria de Ferrol
Dende FEGADEM queremos agradecer á Área Sanitaria de Ferrol a súa colaboración e disposición para acoller a exposición “Máis aló do visible”. Estará exposta no Hospital Naval en Ferrol ata o 27 de novembro.

O noso agradecemento esténdese a Daniel Núñez, director de Atención Hospitalaria. A Estrella López-Pardo, subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía. A Laura Almeida, supervisora de Atención ao Paciente e Humanización. Así como ao equipo de neuroloxía da consulta monográfica de EM.
A súa colaboración é fundamental para achegar a realidade da EM a novos públicos e avanzar cara a unha sociedade máis informada, empática e inclusiva.
Ademais,este proxecto conta co patrocinio da Xunta de Galicia, cuxo apoio contribúe a impulsar accións de sensibilización e visibilidade que sitúan as persoas con EM no centro.
