Os beneficios do exercicio físico para a saúde e a calidade de vida na EM
A Esclerose Múltiple (EM) pode afectar a diferentes áreas da saúde, dende a mobilidade e a forza muscular ata a función cognitiva e o benestar psicolóxico. O exercicio físico é unha ferramenta complementaria relevante para mellorar a condición física. Favorece a autonomía persoal e contribúe a manter unha boa calidade de vida.
Lonxe da crenza de que a actividade física pode agravar o cansancio, a ciencia respalda que o exercicio pode ser beneficioso nas diferentes manifestacións da EM. Sobre todo cando está adaptado ás necesidades individuais.
A continuación, repasamos que beneficios pode ofrecer o exercicio físico ás persoas con EM e por que é importante incorporalo, de forma segura e adaptada, á vida cotiá.
Por que é importante o exercicio físico na Esclerose Múltiple?
Na EM, os procesos fisiopatolóxicos propios da enfermidade interactúan con factores psicolóxicos, sociais e ambientais particulares de cada persoa. Dando lugar a unha ampla variedade de síntomas e repercusións no estilo de vida. Entre as manifestacións máis habituais atópanse a fatiga, as alteracións da mobilidade, a dor, os trastornos do estado de ánimo, como a depresión, e o deterioro cognitivo. (1)
Estas manifestacións poden afectar á calidade de vida, á autonomía persoal e á participación social das persoas con EM.
Entre as alteracións físicas máis relevantes destacan a debilidade muscular, as dificultades para camiñar e os problemas de equilibrio. Estímase que aproximadamente o 75 % das persoas con EM experimentan dificultades relacionadas co equilibrio e a marcha. Isto incrementa o risco de sufrir caídas e lesións. (2)
A estas limitacións súmanse as posibles consecuencias psicolóxicas asociadas. O medo ás caídas e a inseguridade durante a realización de actividades cotiás. Todo elo pode favorecer unha redución progresiva da actividade física. Pode contribuír ao desacondicionamento físico e funcional e xerar un círculo que pode repercutir negativamente na autonomía e a calidade de vida. (2)
Neste contexto, o exercicio físico adquire especial relevancia como parte da abordaxe integral da EM. A investigación dos últimos anos respalda a súa incorporación como unha ferramenta complementaria ao tratamento e ás medidas habituais de rehabilitación e coidado. Sempre adaptada ás capacidades e necesidades individuais. (3, 2)
Pero, en que aspectos concretos pode axudar o exercicio físico? Os seus beneficios non se limitan a mellorar a condición física, senón que tamén poden extenderse á fatiga, á función cognitiva, a saúde ósea e o benestar psicolóxico.
1. Exercicio físico e fatiga na EM
A fatiga é un dos síntomas máis frecuentes da EM e pode interferir nas actividades do día a día.
En relación con este síntoma, a práctica regular de exercicio físico constitúe unha das estratexias non farmacolóxicas que pode contribuír a mellorar a fatiga.
Entre os estudos dispoñibles destaca a metaanálise de Du et al. (2024), que incluíu 40 estudos e na que se atoparon melloras significativas na fatiga tras diferentes intervencións de exercicio.
Estes resultados cuestionan a crenza de que o exercicio necesariamente aumenta o cansancio e respaldan que, cando está adaptado ás capacidades individuais, pode reducir a percepción de fatiga e mellorar a tolerancia ao esforzo.
Por elo, é importante evitar que o medo a esgotamento conduza a unha inactividade prolongada e ao conseguinte desacondicionamento físico. (3, 1)
Os posibles mecanismos que explican estes beneficios inclúen o aumento da capacidade cardiorrespiratoria, que permite realizar actividades cun menor esforzo relativo, así como a estimulación de factores neurotróficos relacionados coa plasticidade neuronal e a modulación da resposta inflamatoria.
Estes procesos poderían contribuír conxuntamente a mellorar a tolerancia ao exercicio e reducir a fatiga. (3)
2. Mellora da mobilidade, a forza muscular e o equilibrio
O ejercicio físico tamén desempeña un papel importante no mantemento da capacidade funcional. Pode contribuír a mellorar a forza muscular, a coordinación, o equilibrio e a capacidade para camiñar, aspectos importantes para conservar a autonomía nas actividades da vida diaria.
A metaanálise de Du et al. (2024) atopou melloras significativas no equilibrio, a mobilidade e a resistencia ao camiñar.
Nesta mesma liña, Hao et al. (2022), mediante a análise de 31 ensaios clínicos aleatorizados con 904 participantes, observaron beneficios de diferentes modalidades de exercicio sobre o equilibrio e a capacidade funcional de marcha. (3, 2)
Estes resultados poderían explicarse polas adaptacións musculares e neuromotoras que se producen co adestramento, como o aumento da forza, a mellora da coordinación e unha maior sincronización das unidades motoras, favorecendo movementos máis eficientes.
Ademais, modalidades como o ioga e o exercicio acuático permiten traballar aspectos específicos do control postural, a estabilidade do tronco e a coordinación, contribuíndo a mellorar o equilibrio e a mobilidade. (3, 2)
Manter estas capacidades resulta importante para favorecer a independencia, reducir as limitacións funcionais e facilitar a participación nas actividades cotiás.
3. Beneficios do exercicio físico para a función cognitiva e o benestar psicolóxico
Os beneficios do exercicio físico tamén poden extenderse ao ámbito cognitivo e psicolóxico.
A revisión de Learmonth e Motl (2021) recolle evidencias sobre posibles melloras en determinadas funcións cognitivas e nos síntomas depresivos, destacando o papel do exercicio como intervención complementaria para favorecer o benestar e a calidade de vida. (1)
En canto aos posibles mecanismos, estes beneficios poderían estar relacionados coa capacidade do exercicio para favorecer a neuroplasticidade e a saúde cerebral. Entre os procesos propostos atópanse a estimulación de factores neurotróficos, a redución de mecanismos de apoptose neuronal e os posibles cambios favorables en estruturas cerebrais implicadas na memoria, como o hipocampo. (1)
Por outra parte, a mellora do estado de ánimo podería estar relacionada tanto con cambios na regulación do sistema nervioso autónomo como con beneficios indirectos derivados dunha maior capacidade funcional, unha mellor calidade do sono e o mantemento dunha vida máis activa.
Aínda que os mecanismos non están completamente establecidos, estes resultados reforzan a importancia de considerar o exercicio físico como parte dunha abordaxe integral da EM. (3,1)
4. Exercicio físico e saúde ósea: previr a perda de masa ósea
Ademais dos seus beneficios sobre a mobilidade e a función muscular, a actividade física regular tamén desempeña un papel importante no mantemento da saúde ósea.
O exercicio, especialmente o adestramento de forza e as actividades que implican soportar o propio peso corporal, proporciona estímulos mecánicos que favorecen o mantemento da estrutura e a resistencia dos ósos.
Nas persoas con EM, este aspecto adquire especial relevancia, xa que a mobilidade reducida, o sedentarismo e a progresión da discapacidade poden favorecer a perda de densidade mineral ósea e aumentar o risco de desenvolver osteoporose.
Por elo, manter unha actividade física adaptada ás capacidades individuais pode formar parte das estratexias destinadas a preservar a saúde ósea e reducir as consecuencias asociadas á inactividade. (4,5,6).
5. Exercicio físico, EM e menopausia: unha perspectiva específica para as mulleres
A EM presenta unha maior prevalencia en mulleres (7,8), polo que os cambios hormonais asociados a etapas como a menopausia poden sumarse ás manifestacións propias da enfermidade.
A diminución dos niveis de estróxenos relaciónase cunha maior perda de masa ósea e muscular, cambios na composición corporal e o metabolismo, alteracións do soño e posibles dificultades cognitivas e emocionais. (9)
Neste contexto, o exercicio físico adquire especial relevancia, xa que pode contribuír a preservar a masa muscular e ósea, mellorar a composición corporal e a saúde cardiovascular e favorecer o benestar psicolóxico.
Deste modo, manter unha actividade física regular e adaptada pode axudar a previr ou atenuar algunhas das consecuencias asociadas tanto á EM como á menopausia, favorecendo a autonomía e a calidade de vida das mulleres.
6. Como incorporar o exercicio de forma segura se tes EM?
Coñecer os beneficios do exercicio físico é importante, pero tamén o é saber como incorporalo á rutina de forma segura.
A EM presenta unha gran variabilidade entre persoas. Por iso, non existe unha única pauta de exercicio válida para todas. As capacidades físicas, os síntomas, o grao de discapacidade, a mobilidade, a fatiga e outras circunstancias individuais deben terse en conta á hora de establecer un programa de actividade física.
Recomendacións xerais
Algunhas recomendacións xerais para facilitar a súa incorporación son:
- Buscar asesoramento profesional: é recomendable consultar co equipo sanitario e, especialmente, con profesionais de fisioterapia ou ciencias da actividade física e do deporte con experiencia en EM. A súa intervención permite valorar as capacidades individuais e establecer unha pauta de exercicio adaptada a cada situación.
- Comezar de forma progresiva: se existe pouca actividade física previa, é preferible empezar con sesións de menor duración e intensidade e incrementar o esforzo gradualmente, segundo a tolerancia individual.
- Combinar diferentes modalidades: sempre que as condicións individuais o permitan, pode resultar beneficioso traballar a resistencia cardiorrespiratoria, a forza muscular, o equilibrio, a coordinación e a flexibilidade.
- Respectar os tempos de descanso: alternar os periodos de actividade e recuperación pode axudar a xestionar a fatiga e evitar un esforzo excesivo.
- Adaptar a contorna: se existen dificultades de equilibrio ou mobilidade, convén priorizar espazos seguros, utilizar os apoios necesarios e evitar situacións que poidan aumentar o risco de caídas.
- Prestar atención á temperatura: algunhas persoas con EM experimentan un empeoramento temporal de determinados síntomas coa calor. Nestes casos, pode ser convinte realizar exercicio en ambientes frescos, utilizar roupa transpirable e manter unha hidratación adecuada.
- Escoitar ao propio corpo: é importante observar como responde o organismo á actividade física e comunicar ao equipo profesional calquera síntoma novo, empeoramento ou dificultade durante a práctica.
Estas orientacións son xerais e non substitúen unha valoración individualizada. A intensidade, a duración, a frecuencia e o tipo de exercicio deben establecerse tendo en conta as características e necesidades de cada persoa.
O obxectivo non é alcanzar un determinado rendemento deportivo, senón manter e mellorar, na medida do posible, a capacidade funcional, a autonomía e o benestar.
O exercicio físico como parte da abordaxe integral da EM
O papel do exercicio físico é ser unha ferramenta complementaria na abordaxe da EM. Os seus posibles beneficios abarcan diferentes dimensións da saúde: dende a redución da fatiga e a mellora da mobilidade ata o mantemento da masa muscular e ósea, a función cognitiva e o benestar psicolóxico.
Ademais, a súa importancia pode ser especialmente relevante en etapas como a menopausia, nas que determinados cambios hormonais poden sumarse ás manifestacións da enfermidade.
É fundamental lembrar que cada persoa con EM ten unhas necesidades e capacidades diferentes. Por elo, a actividade física debe plantexarse dende un enfoque individualizado, progresivo e seguro, contando co asesoramento de profesionais especializados/as cando sexa necesario.
Bibliografía
(1) Learmonth YC, Motl RW. Exercise Training for Multiple Sclerosis: A Narrative Review of History, Benefits, Safety, Guidelines, and Promotion. Int J Environ Res Public Health. 2021;18(24):13245. doi:10.3390/ijerph182413245.
(2) Hao Z, Zhang X, Chen P. Effects of Different Exercise Therapies on Balance Function and Functional Walking Ability in Multiple Sclerosis Disease Patients—A Network Meta-Analysis of Randomized Controlled Trials. Int J Environ Res Public Health. 2022;19(12):7175. doi:10.3390/ijerph19127175.
(3) Du L, Xi H, Zhang S, Zhou Y, Tao X, Lv Y, et al. Effects of exercise in people with multiple sclerosis: a systematic review and meta-analysis. Front Public Health. 2024;12:1387658. doi:10.3389/fpubh.2024.1387658.
(4) Zinganell A, Hegen H, Walde J, Barket R, Berek K, Auer M, et al. Short-Term Risk Factors for Bone Loss in Multiple Sclerosis: A Prospective Study and Literature Review. Eur J Neurol. 2025;32(5). doi:10.1111/ene.70176.
(5) Ispoglou T, Ferentinos P, Prokopidis K, Blake C, Aldrich L, Elia A, et al. Exploring the impact of exercise and essential amino acid plus cholecalciferol supplementation on physical fitness and body composition in multiple sclerosis: A case study. Clin Case Rep. 2023;11(6). doi:10.1002/ccr3.7548.
(6) Cieśla E, Jasińska E, Suliga E. Associations of Physical Activity, Muscle Mass and Protein-Rich Food Consumption with Functional Fitness in Individuals with Multiple Sclerosis. Nutrients. 2026;18(10):1548. doi:10.3390/nu18101548.
(7) Wang Y, Wang J, Feng J. Multiple sclerosis and pregnancy: Pathogenesis, influencing factors, and treatment options. Autoimmun Rev. 2023;22(11):103449. doi:10.1016/j.autrev.2023.103449.
(8) Khan G, Hashim MJ. Epidemiology of Multiple Sclerosis: Global, Regional, National and Sub-National-Level Estimates and Future Projections. J Epidemiol Glob Health. 2025;15(1):21. doi:10.1007/s44197-025-00353-6.
(9) Davis SR, Pinkerton J, Santoro N, Simoncini T. Menopause—Biology, consequences, supportive care, and therapeutic options. Cell. 2023;186(19):4038-58. doi:10.1016/j.cell.2023.08.016.
