Consellos para a vida familiar vivindo coa Esclerose Múltiple
Convivir coa Esclerose Múltiple non é fácil, e facelo á vez que se crían aos/ás fillos/as faino máis difícil aínda. Pero non imposible. Aquí uns cantos consellos para xestionalo da mellor maneira.
A maternidade, a paternidade e a crianza son etapas cheas de desafíos para calquera persoa. Porén, estes retos poden ser máis complexos cando se convive coa Esclerose Múltiple (EM), unha enfermidade impredicible e cun forte impacto físico e emocional.
Dende noites de insomnio ata as preguntas interminables da infancia, pasando pola imprevisibilidade da adolescencia, criar fillos e fillas tendo EM require paciencia, planificación e, sobre todo, resiliencia. Aínda que ser nai ou pai nunca é fácil, aquí compartimos algúns consellos prácticos para equilibrar a vida familiar mentres xestionas a EM.
1. Non te compares
Nun mundo saturado de imaxes de “familias perfectas” en redes sociais e medios de comunicación, é fundamental lembrar que cada fogar ten os seus propios retos. Evita compararte cos demais e deixa a un lado a culpa. O teu camiño e as túas particularidades son únicas, e iso está ben.
2. Deseña unha rutina
Establecer rutinas predecibles pode axudarte a contrarrestar a incertidume da EM. Ademais, os nenos, nenas e adolescentes benefícianse enormemente dunha contorna estable, o que favorece o bo comportamento e a súa capacidade de adaptación.
3. Sé flexible
Aínda que unha rutina é útil, é igual de importante ser flexible. Ensinar aos teus fillos e fillas a aceptar os cambios inesperados axudaralles a ver a imprevisibilidade da EM como algo natural e non como un problema insuperable.
4. Pide axuda
Ninguén pode facelo todo só. Crear unha rede de apoio con familiares e amigos/as permitirache delegar responsabilidades cando os síntomas da EM sexan máis difíciles de manexar. Ter un plan de continxencia reducirá o estrés e aportará tranquilidade.
5. Fala cos teus fillos/as sobre a EM
Aínda que é natural querer protexer aos teus fillos e fillas do medo ou a preocupación, falar abertamente sobre a EM axudaralles a entender mellor a túa situación e a empatizar contigo. Isto reduce as tensións familiares e alivia a presión que poidas sentir ao intentar ocultalo.
6. Practica o autocoidado
O teu benestar é esencial para coidar da túa familia. Dedica tempo para descansar, evita o estrés con técnicas que te funcionen e busca momentos para ti. Lembra que o autocoidado non é egoísmo; é unha necesidade.
A importancia da resiliencia familiar
Vivir con EM e xestionar unha familia pode parecer complicado, pero con planificación, comunicación e apoio, é posible atopar un equilibrio. Adaptarte aos desafíos e crear unha contorna positiva e comprensiva beneficia aos teus fillos/as, pero tamén a ti.
Fonte da información aquí.
