Fenebrutinib mostra resultados prometedores en Esclerose Múltiple
A investigación en Esclerose Múltiple (EM) avanza cada vez máis grazas ao persoal comprometido. Os ensaios clínicos de Fenhance 1 e 2 en Esclerose Múltiple recorrente e Fentrepid en Esclerose Múltiple primaria progresiva colocan ao Fenebrutinib como un medicamento posiblemente capaz de controlar os brotes e reducir a progresión da EM. Así o detalla o Dr. Rafael Arroyo, catedrático e xefe do departamento de neuroloxía. “Ter un fármaco que evite os brotes e ademais teña control sobre a progresión da esclerose múltiple, é esencial”, afirma Arroyo.
Un fármaco oral con resultados prometedores en EM recorrente e primaria progresiva
Os datos preliminares do ensaio Fenhance 2 mostran que Fenebrutinib consegue reducir a taxa anualizada de brotes, cun resultado superior ao obtido con Teriflunomida. O estudo Fentrepid indica que o Fenebrutinib, en EM primaria progresiva, non ten unha eficacia inferior ao Ocrelizumab. Este último é ata agora o único tratamento aprobado para esta forma da enfermidade.
“Fenebrutinib ten un efecto claramente positivo ao diminuír os brotes e tamén ao reducir a progresión en Esclerose Múltiple primaria progresiva. É a primeira vez que un fármaco oral demostra algo así”, afirma o Dr. Arroyo.
Impacto na calidade de vida
Evitar os brotes significa reducir as hospitalizacións, as recaídas e a perda funcional. Para as persoas con EM, ter un tratamento oral de alta eficacia dende logo aporta autonomía e estabilidade.
“Ter un fármaco oral que evite recaídas bruscas e actúe sobre a progresión é esencial. Aporta calidade de vida, reduce a dependencia da contorna hospitalaria e facilita o manexo integral do paciente”, resume o Dr. Arroyo.
Perfil de seguridade e consideracións para a práctica clínica
Os tres ensaios realizados mostran un perfil de seguridade favorable. Estes contaron coa participación de case 2.500 persoas e seguimentos de entre 96 e 120 semanas. O Dr. Arroyo destaca a excelente tolerabilidade na administración oral dúas veces ao día. Tamén é necesaria a monitorización hepática os dous primeiros meses. Observouse de momento, tamén, a ausencia de sinais asociadas a infeccións ou outras complicacións graves.
Control de inflamación aguda e crónica
Fenebrutinib é un dos inhibidores da Tirosina Quinada de Bruton (BTK) e ten tres características diferenciais:
- Actúa sobre as células B, responsables da inflamación aguda que causa os brotes.
- Actúa sobre a microglía, implicada na inflamación crónica e a progrsión da EM.
- Alta capacidade de penetración no Sistema Nervioso Central grazas a que atravesa facilmente a barreira hematoencefálica.
“Este mecanismo dual permite actuar sobre os dous motores da enfermidade: os brotes e a progresión. Ata agora non tiñamos fármacos orais con evidencia sólida na progresión”, comenta o Dr. Arroyo.
Cara un tratamento apto para todas as formas de EM
Se os resultados de Fenhance 1 previstos para o 2026 confirman esta liña, Fenebrutinib podería converterse no primeiro fármaco oral indicado tanto para formas recorrentes como para formas primarias progresivas.
O Dr. Arroyo sinala que dispoñer dunha alternativa oral de alta eficacia reduciría a dependencia dos tratamentos intravenosos, simplificaría a adherencia, minimizaría os desprazamentos e as hospitalizacións e melloraría a calidade de vida xeral da persoa.
Fonte da información: Entrevista ao Dr. Rafael Arroyo, en iSanidad.
