O pelotón do ‘Eu Móvome’ envórcase con AVEMPO na XIII Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple
Máis de 1.400 persoas sumáronse o pasado 26 de outubro na alameda de Bouzas a AVEMPO na XIII Carreira Solidaria ‘Eu Móvome pola Esclerose Múltiple’ organizada pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO).
Persoas participantes
A proba contou en total co apoio de 1.419 persoas rexistradas que participaron no evento deportivo, das cales 379 participaron na carreira de 5K, 283 fixérono na 10K e outras 722 persoas realizaron a ‘andaina’. O pelotón completouse coa participación de Discamino, con 35 participantes que foron os encargados de abrir a proba deportiva. O pelotón do ‘Eu Móvome’ rexistrou máis apoios grazas ás doazóns recibidas a través do ‘Dorsal 0’ solidario, no que colaboraron máis de cen persoas.
O día do evento
A proba transcorreu durante a mañá con total normalidade sen rexistrarse incidencias nunha xornada na que o sol acompañou aos participantes do evento, que contou coa presenza, entre outros, do alcalde de Vigo, Abel Caballero; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, responsable de Deportes, Luisa Sánchez ou o secretario territorial de Xunta de Galicia en Vigo, Fernando Abeijón; así como diversos concelleiros dos grupos municipais PSOE, BNG e PP.
AVEMPO agradece
Desde AVEMPO queren trasladar unha mensaxe de agradecemento á sociedade viguesa polo gran apoio recibido coas inscricións e doazóns, que permiten o mantemento dos servizos que ofrece na súa sede a entidade ás persoas con Esclerose Múltiple e os seus familiares.
