Emily, a primeira persoa en recibir a terapia celular CAR T que busca deter a progresión da EM
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade crónica, neurodexenerativa e autoinmune que afecta ao sistema nervioso central. Nela, o sistema inmunolóxico ataca por erro á mielina, que é a capa protectora das células nerviosas. Isto provoca que a información non viaxe polas fibras nerviosas facilmente. Recibe o nome da “enfermidade das mil caras” pola gran variedade de síntomas que pode presentar.
Emily, británica, foi diagnosticada fai catro anos de Esclerose Múltiple. Tiña episodios de parálise periodicamente, que os fármacos existentes non eran capaces de frear. A súa decisión en ser a primeira persoa en recibir a terapia celular CAR T fundaméntase en que “alguén tiña que ser a primeira”, como afirmou ao medio Sky News.
“Quero deter a enfermidade antes de que teña a oportunidade de determe”, afirmou Emily.
A primeira persoa
Emily é a primeira persoa de Reino Unido en recibir este tipo de tratamento experimental que podería deter ou incluso reverter a EM.
Este tratamento foi desenvolto por investigadores e investigadoras do University College London Hospitals (UCLH). Consiste en infundir á persoa coas súas propias células inmunitarias (reprogramadas en laboratorio) para eliminar as que atacan ao sistema nervioso. O doutor Wallace Brownlee, investigador do ensaio, declarou que este tratamento podería ser “un punto de inflexión na forma de tratar a EM no futuro”.
Terapia CAR T: as células reaprenden a protexer
Esta técnica, baseada en reprogramar as células inmunitarias, chámase terapia CAR T. Xa se empregou con éxito para tratar algúns tipos de leucemia, e agora estase probando con enfermidades autoinmunes.
O proceso comeza extraendo células T do sangue de Emily. Despois modifícanas xeneticamente para que recoñezan e destrúan as células B defectuosas. E, finalmente, devólvenas ao organismo por medio dunha infusión de sangue.
A doutora Claire Roddie, unha das responsables do experimento, afirma:
“Se se logra erradicar as células que causan a enfermidade e reiniciar o sistema inmunitario, sería como accionar un interruptor: os linfocitos daninos non se recuperan, e os novos que xorden son normais, non daninos”.
Novo ensaio clínico
O novo ensaio clínico denominado AUTO1-MS10 reclutará a 18 persoas con Esclerose Múltiple de todo o mundo. O obxectivo é coñecer a seguridade do tratamento antes de levalo a próximas fases. Deste modo, observarán se esta terapia detén os brotes e o deterioro progresivo das persoas con EM.
O ensaio está aberto a persoas entre 18 e 60 anos con formas recorrentes ou progresivas que non respondan a outro tipo de tratamentos farmacolóxicos.
O investigador principal, o doutor Brownlee, afirma que:
“Actualmente non hai medicamentos totalmente eficaces para evitar as recaídas. Esta terapia podería ser dunha soa aplicación, un cambio de paradigma no manexo da Esclerose Múltiple”.
