FEGADEM estreou en Santiago o seu documental O SilEMcio do Rural, dando voz ás persoas con EM do rural galego
O evento celebrouse en Santiago de Compostela, na sede de ACEM, o pasado xoves 3 de abril. Asistiron ao evento máis de 40 persoas, entre as que se atopaban persoas con EM, familiares, persoas interesadas e representantes políticos/as.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) estreou este xoves 3 de abril en Santiago de Compostela o seu documental ‘O SilEMcio do Rural’, unha peza audiovisual que recolle as voces e necesidades de 14 persoas con Esclerose Múltiple (EM) que viven no rural galego, realizada co apoio das 5 entidades membro da Federación.
O evento
O evento tivo lugar na sede de ACEM, ao que asistiron máis de 40 persoas, entre elas representantes políticas/os, entidades sociais, profesionais, persoas con EM e as súas familias e outras persoas interesadas. Entre as persoas asistentes atopáronse Begoña Abeijón Fernández, Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, e Xan Duro Fernández, Concelleiro de Mobilidade, Conviviencia e Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela.

Durante a proxección do documental, o público escoitou e viu en primeira persoa as dificultades e necesidades que supón convivir coa EM nun concello rural, coñecendo así esta realidade.
Algúns datos do informe social da Federación
Segundo o informe que publicará proximamente FEGADEM dentro deste mesmo proxecto, un 57,14% das persoas entrevistadas non conta con recursos e servizos de proximidade, e o resto das persoas afirman que os que hai, non son especializados en EM na súa maioría. Por isto, é preciso que se despracen a núcleos urbanos, o que adoita supoñer tamén unha barreira.
Máis do 60% das persoas entrevistadas teñen como principal medio de transporte o transporte público, pero afirman que o uso que poden facer del é moi limitado por incompatibilidades de horario ou por non estar adaptado.
A falta dun transporte público de calidade deriva en que estas persoas deixen de asistir ás sesións de índole biopsicosocial das que son beneficiarias e que, por tanto, se empeore a súa calidade de vida e se fomente o seu illamento social.
O coloquio
Tras a proxección do documental, celebrouse un coloquio entre as persoas asistentes, no que participou unha das protegonistas do documental. Este espazo permitíu afondar nas principais barreiras detectadas, buscar posibles solucións e abrir un espazo de diálogo entre persoas con EM, persoas interesadas, institucións e administracións.
O proxecto ‘O SilEMcio do Rural’
Este documental forma parte dun proxecto da Federación co que buscamos dar visibilidade á situación das persoas que viven con esta enfermidade no rural galego e reclamar medidas que garantan os seus dereitos e igualdade de oportunidades, vivan onde vivan.
Próximas datas
Nas vindeiras semanas, o documental poderá ser visto noutras localidades galegas como A Coruña, Ourense, Monforte de Lemos ou Vigo. As inscricións para asistir xa están abertas. Para ver máis información, pódese visitar esta nova sobre o documental.
