Como axudar ás persoas con discapacidade afectadas pola DANA?
COCEMFE solicita doazóns de produtos básicos para persoas con discapacidade afectadas pola DANA.
A recente DANA (Depresión Aislada en Niveis Altos) causou graves danos en Valencia e outras comunidades, afectando tamén a persoas con discapacidade. Dende a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), apoiamos a labor de COCEMFE, que está a traballar para chegar a cada persoa en situación de vulnerabilidade.
A continuación, explicamos as necesidades específicas e como podemos colaborar para brindar apoio a estas persoas afectadas pola DANA.
Necesidades de COCEMFE
A presidenta de COCEMFE Valencia, María José Martínez, destacou a importancia de facer chegar a axuda a todas as persoas con discapacidade que o precisen. Moitas destas persoas non teñen acceso directo a certas axudas técnicas e, segundo explica Martínez, “estamos a recibir solicitudes de axudas técnicas de persoas que non teñen acceso a elas mediante receita”.
Ademais, o presidente de COCEMFE da Comunidade Valenciana, Albert Marin, subliñou que a vulnerabilidade e a indefensión de dereitos destas persoas é alarmante nun contexto de destrución como o causado pola DANA. Marin sinala que “queremos estar preparados para axudar ás persoas con discapacidade e asesoralas en todo momento sobre o que precisen, en relación aos danos materiais, as axudas dispoñibles e as cuestións que vaian xurdindo sobre accesibilidade, nun contexto de destrución como o que vimos estes días”.
Como axudar ás persoas con discapacidade afectadas pola DANA?
Se queres apoiar ás persoas con discapacidade que están a vivir as consecuencias desta catástrofe, podes colaborar de varias formas:
- Doazón de produtos ortoprotésicos
Produtos como muletas, andadores ou cadeiras de rodas poden ser vitais para a mobilidade das persoas con discapacidade. Estes produtos axudan a que as persoas poidan seguir coa súa vida diaria, mesmo nun contexto coma este. - Doazón de produtos de hixiene
A hixiene é fundamental para a saúde e o benestar. Produtos como xabóns de mans, xeles desinfectantes e toalliñas son básicos, pero moitas persoas afectadas pola DANA non teñen acceso a eles debido ás dificultades de distribución e acceso aos recursos. - Doazóns para o coidado infantil
En moitos fogares afectados hai nenos e nenas que precisan cueiros, toalliñas húmidas e outros produtos de hixiene persoal. Estes elementos son fundamentais para asegurar o benestar dos/as máis pequenos/as. - Material sanitario adicional
A situación demanda tamén produtos como cueiros de uso xeriátrico, luvas, máscaras e outros artigos sanitarios que axuden a manter a saúde e a seguridade das persoas afectadas. - Difusión das necesidades de COCEMFE
A información veraz é imprescindible. Ao difundir as iniciativas de COCEMFE, axudas a que cheguen a máis persoas, facilitando que se amplíe a rede de apoio. Compartir as súas necesidades nas redes sociais, blogs ou outros medios pode aumentar o impacto.
E se tes discapacidade e te viches afectado/a pola DANA?
Se tes discapacidade e precisas axuda debido aos efectos da DANA, COCEMFE pon á túa disposición varios servizos:
- Reparación de cadeiras de rodas e transporte adaptado
Moitas persoas viron afectado o seu equipo de mobilidade, polo que COCEMFE ofrece servizos de reparación para axudar ás persoas a recuperar a súa autonomía. - Asesoramento xurídico, social e de accesibilidade
A entidade tamén presta apoio para resolver dúbidas legais, cuestións sociais ou problemas de accesibilidade que poidan xurdir tras os danos causados pola DANA. Podes chamar ao 963 837 708 para obter máis información.
En FEGADEM, queremos sumar o noso apoio á gran labor que está a realizar COCEMFE en Valencia e agradecemos a todas as persoas que xa están a colaborar. Cada pequena axuda conta para mellorar a vida das persoas con discapacidade en situación de risco.
Moitas grazas pola vosa solidariedade e apoio.
