Inflamación e estrés oxidativo na Esclerose Múltiple
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade autoinmune, inflamatoria, crónica e neurodexenerativa que afecta ao sistema nervioso central. Nela, o sistema inmunitario identifica erroneamente a mielina —que é a substancia que recobre e protexe as fibras nerviosas— como unha ameaza e atácaa, provocando o seu deterioro e destrución e, nalgúns casos, ata dano neuronal.
Este proceso altera a correcta transmisión dos impulsos nerviosos e explica a diversidade de síntomas que poden aparecer coa EM segundo a zona afectada do cerebro ou da médula espiñal. (1)
Manter o sistema inmunitario regulado é, por tanto, moi importante, xa que a súa activación excesiva contribúe á desmielinización e ao deterioro cognitivo (2). A evidencia científica actual (1) indica que tanto a inflamación relacionada coa alimentación como o estrés oxidativo contribúen ao dano no tecido cerebral e a progresión da enfermidade. Neste contexto, a alimentación é unha gran ferramenta complementaria aos tratamentos farmacolóxicos e rehabilitadores.
Inflamación derivada da alimentación na Esclerose Múltiple
Despois de cada comida prodúcese de forma natural un proceso chamado inflamación posprandial. Trátase dunha resposta inmunometabólica normal de adaptación do corpo á dixestión e á absorción de nutrintes.
Non é patolóxica sempre que sexa:
- Leve
- Temporal
- Autolimitada (finalízase por si soa)
O problema aparece cando este estímulo inflamatorio se repite de forma intensa e prolongada no tempo. Entón pode cronificarse e contribuír ao empeoramento de enfermidades inflamatorias como a EM (3).
Por todo isto, a alimentación considérase un dos factores na modulación da resposta inflamatoria (4).
Dietas e hábitos de vida que agravan a inflamación derivada da alimentación
Determinados patróns alimentarios e hábitos de vida poden intensificar a resposta inflamatoria:
- Exceso de graxas saturadas e trans
- Consumo elevado de azucres simples
- Alta inxesta de ultraprocesados
- Dietas hipercalóricas pobres en micronutrintes
- Sedentarismo
Estas situacións provocan picos esaxerados de glucosa e lípidos tras as comidas, favorecendo un entorno proinflamatorio (5).
Alimentación con efecto regulador da inflamación
Pola contra, unha alimentación baseada en alimentos pouco procesados pode contribuír a modular a resposta inflamatoria, así como determinados hábitos de vida:
- Verduras e froitas (especialmente as de baixo índice glucémico)
- Legumes
- Cereais integrais
- Froitos secos e sementes
- Proteínas magras (animais e vexetais)
- Peixe azul rico en omega-3
- Aceite de oliva virxe extra
Ademais, evitar o alcohol e manter unha actividade física regular potencia este efecto modulador da inflamación (5).
Fitoquímicos: como inflúen na inflamación
Moitos alimentos de orixe vexetal conteñen fitoquímicos, que son compostos naturais que poden actuar como moduladores celulares.
Estes compostos, na súa forma orixinal ou ao ser metabolizados, poden:
- Formar metabolitos activos e comportarse como mensaxeiros intracelulares activando ou inhibindo a expresión dos xenes implicados nos procesos inflamatorios (4)
- Contribuír á regulación inmunitaria
- Favorecer un entorno metabólico máis equilibrado
Un dos patróns dietéticos con maior respaldo científico que favorece a inhibición de xenes proinflamatorios é a dieta mediterránea, rica en vexetais (verduras e froitas), legumes, cereais integrais, froitos secos, peixe e aceite de oliva, e baixa en graxas saturadas (4, 3).
Ademais, a fibra dietética favorece o equilibro da microbiota intestinal, que tamén desempeña un papel moi relevante na regulación da inflamación (6).
Estrés oxidativo na Esclerose Múltiple
No noso organismo, como produto do metabolismo, xéranse uns compostos denominados radicais libres (7). Estas moléculas caracterízanse por presentar un ou máis electróns desparexados, o que as fai quimicamente inestables e altamente reactivas fronte a outras estruturas celulares (8, 9).
Os radicais libres orixínanse principalmente durante as reaccións de óxido-redución, que son uns procesos bioquímicos esenciais para o corpo nos que as moléculas perden electróns (o que se denomina oxidación) mentres outras moléculas os gañan (o que se denomina redución) (10). Estes procesos ocorren de maneira continua nas células, especialmente durante a produción de enerxía nas mitocondrias (10).
A oxidación, é dicir, a formación de radicais libres, non é un fenómeno patolóxico. De feito, é un proceso indispensable para a vida, xa que é o que permite a obtención da enerxía celular necesaria para o funcionamento dos tecidos e os órganos (10) e, os radicais libres encárganse da sinalización celular e a defensa fronte a patóxenos sen causar dano estrutural (12).
En condicións normais, o organismo mantén un equilibro coñecido como homeostase redox (11). Este é un proceso flexible e adaptativo que permite ao corpo responder a cambios fisiolóxicos como o exercicio, a inflamación ou a resposta inmunitaria.
Cando a produción de radicais libres supera a capacidade do corpo de neutralizalos, é dicir, hai máis radicais libres dos que o corpo pode xestionar, prodúcese estrés oxidativo, o que pode xerar danos celulares impredicibles (12). Este desequilibro asóciase co desenvolvemento e progresión de numerosos procesos dexenerativos, enfermidades e síndromes (13), como no caso da Esclerose Múltiple (13, 14).
Sistemas antioxidantes do corpo
Este equilibro depende de sistemas de defensa antioxidantes do corpo, que inclúen:
- Enzimas específicas (superóxido dismutasa, catalasa, glutatión peroxidasa)
- Antioxidantes non enzimáticos obtidos a través da dieta (vitamina C, vitamina E, carotenoides, flavonoides, entre outros) (12).
O estrés oxidativo e o dano neurolóxico na EM
Na Esclerose Múltiple, a inflamación crónica do sistema nervioso central está relacionada cun aumento de especies reactivas de osíxeno e nitróxeno (ERO e ERN) (11, 15, 16). Cando estas especies xéranse en cantidades que superan a capacidade dos sistemas antioxidantes para neutralizalas, prodúcese un desequilibro redox, dando lugar ao estrés oxidativo (11, 15, 16).
Diversos estudos (17) demostraron que:
- Estas especies reactivas contribúen á desmielinización
- Favorecen o dano axonal
- Amplifican a resposta inflamatoria
Deste modo establécese un círculo vicioso: ao haber progresión na EM, hai máis inflamación, o que leva a máis especies reactivas e estés oxidativo. Isto leva a un maior dano tisular, o que provoca unha resposta inflamatoria e promove a progresión da EM.
Os radicais libres poden aumentar tamén por (17):
- Contaminación ambiental
- Dietas pobres en antioxidantes
- Exceso de alimentos ultraprocesados
- Consumo elevado de azucres e graxas saturadas
Actualmente investíganse estratexias terapéuticas dirixidas a reducir o estrés oxidativo, pero aínda se requiren ensaios clínicos sólidos para confirmar a súa eficacia (18).
Reducir o estrés oxidativo dende a alimentación
Aínda que non substitúe en ningún caso ao tratamento médico, a alimentación permite reducir os factores esóxenos que provocan o estrés oxidativo. Isto é debido a que algúns nutrintes presentes en determinados alimentos axudan a neutralizar as especies reactivas de osíxeno e nitróxeno, apoiando así a protección do tecido nervioso e colaborando coa modulación dos procesos inflamatorios asociados á enfermidade (16, 19, 20).
Algúns alimentos que convén reducir son:
- Exceso de azucres simples
- Graxas saturadas e trans
- Carnes vermellas en exceso
- Ultraprocesados
- Bebidas azucaradas
- Algúns aditivos artificiais (pero ollo, non todos son prexudiciais)
Alimentos con efecto antioxidante:
- Verduras e froitas variadas
- Legumes
- Proteínas animais magras (evitando o exceso de carne vermella)
- Cereais integrais
- Froitos secos e sementes
- Peixe (sobre todo graxo, de talla pequena)
- Ovos
- Aceite de olive virxe extra
- Aguacate
Estes alimentos aportan fibra (que favorece a microbiota e reduce a inflamación derivada da alimentación), ácidos graxos insaturados (omega-3 e omega-9 con perfil antiinflamatorio), antioxidantes (vitamina C, vitamina E, b-carotenos, flavonoides, licopeno…) (16) e minerais e vitaminas clave (magnesio, zinc ou ácido fólico).
É importante destacar que actualmente non existe evidencia científica concluínte que respalde a suplementación con altas doses illadas de antioxidantes como unha estratexia eficaz na EM. A prioridade debe ser sempre a alimentación equilibrada.
Personalización: un factor importante
Cada persoa, e máis cada persoa con EM, pode responder de formas moi diferentes a determinados alimentos. Identificar intolerancias, sensibilidades ou síntomas asociados a certos produtos forma parte do autocoidado.
O obxetivo non é a restrición indiscriminada, pero si construír un patrón alimentario sostible, individualizado e baseado en evidencia científica. Por iso, para ter en conta a inflamación e o estrés oxidativo e regulalos, podes consultar con especialistas que poidan facer seguimento, ademais de escoitar a resposta do teu corpo.
Bibliografía
(1) https://ve.scielo.org/scielo.php?pid=S0535-51332015000200009&script=sci_arttext
(2) https://www.scielo.org.ar/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0025-76802014000500012
(3) https://ve.scielo.org/scielo.php?pid=S0798-07522014000100009&script=sci_abstract&tlng=pt
(4) https://www.redalyc.org/pdf/966/96645712009.pdf
(5) https://www.jacc.org/doi/10.1016/j.jacc.2007.10.016
(6) https://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S2340-98942018000300185&script=sci_arttext&tlng=en
(7) https://www.uv.mx/rm/num_anteriores/revmedica_vol10_num2/articulos/radicales.pdf
(8) http://scielo.sld.cu/scielo.php?pid=S1560-43812017000100014&script=sci_abstract&tlng=pt
(9) https://www.scielo.sa.cr/scielo.php?pid=S1409-00152019000100091&script=sci_arttext&utm
(10) https://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S0212-71992001000600010&script=sci_arttext
(12) https://www.uv.mx/rm/num_anteriores/revmedica_vol10_num2/articulos/radicales.pdf
(13) http://www.scielo.org.co/scielo.php?pid=S1794-24702012000200009&script=sci_arttext
(15) https://ve.scielo.org/scielo.php?pid=S0535-51332015000200009&script=sci_arttext
(16) https://pmc.ncbi.nlm.nih.gov/articles/PMC12215555/?
(17) https://ve.scielo.org/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0535-51332015000200009
(18) https://ve.scielo.org/scielo.php?pid=S0535-51332015000200009&script=sci_arttext
(19) https://link.springer.com/article/10.1007/s00415-004-0348-9
