Xa podes ver O SilEMcio do Rural en YouTube
Se non puideches ver o documental O SilEMcio do Rural nas proxeccións que fixemos durante estes meses, non te preocupes. Agora estreámolo en YouTube para que poidas velo dende calqueira lugar.
Se non puideches asistir ás proxeccións presenciais de O SilEMcio do Rural, temos boas novas. O documental xa está dispoñible de forma libre e gratuíta en YouTube para que todas as persoas interesadas poidan velo cando queiran.
O SilEMcio do Rural: a Esclerose Múltiple no rural galego
O SilEMcio do Rural é un proxecto impulsado pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) en colaboración coas súas cinco entidades membro: ACEM Santiago, ACEM Coruña, AVEMPO, AODEMPER e ALUCEM. O seu obxectivo é claro: dar visibilidade e resposta ás necesidades específicas das persoas con Esclerose Múltiple que viven no rural galego.
O documental é unha viaxe directa ao corazón do rural, onde as distancias, a falta de servizos e as barreiras invisibles condicionan a vida das persoas con Esclerose Múltiple. En 32 minutos, a través de 14 entrevistas a persoas de distintos concellos rurais, afondamos nas súas necesidades, dificultades, emocións e reivindicacións.
Por que é importante este documental?
No rural, as voces das persoas con Esclerose Múltiple adoitan quedar silenciadas polas limitacións xeográficas e pola falta de recursos específicos. Este documental rompe ese silencio e dálle protagonismo a quen habitualmente non o ten.
O SilEMcio do Rural:
- Visibiliza a realidade das persoas con EM no rural galego.
- Amosa as barreiras ás que se enfrontan no día a día.
- Pon enriba da mesa as necesidades concretas que requiren atención institucional e social.
Como ver o documental
O documental está dispoñible na nosa canle de YouTube dende o mércores 11 de xuño.
