Que é ser persoa coidadora. Consellos para coidadores e coidadoras
Sabemos que ser unha persoa coidadora pode ser complicado e levar consigo moitas dúbidas e inseguridades. Aquí podes resolver algunhas e, se tes máis consultas, contacta coa Federación e axudámosche e acompañámoste.
Cando falamos de ser persoa coidadora, referímosnos a aquelas persoas que dedican tempo, esforzo e atención a coidar a persoas en situación de dependencia, como é o caso dalgunhas persoas con Esclerose Múltiple (EM). Este rol é moi importante para o benestar da persoa con EM, pero tamén require unha preparación emocional e física adecuada.
Que é ser persoa coidadora?
Unha persoa coidadora é quen asiste e acompaña a alguén con dependencia, axudándolle en tarefas como:
- Hixiene persoal
- Administración da medicación
- Desprazamentos
- Tarefas do fogar
Aínda que o apoio desa persoa é moi importante, o obxectivo principal debe ser fomentar a autonomía da persoa dependente, se é que é posible. Axudar cando non é necesario pode dificultar o desenvolvemento da súa independencia nalgúns casos.
Tipos de coidadores/as
Coidador/a formal
É unha persoa formada e contratada profesionalmente para coidar a persoas dependentes. A súa demanda medrou nos últimos anos debido en parte aos cambios na estrutura familiar e social.
Coidador/a informal
Normalmente é un/ha familiar ou amigo/a que asume o coidado de maneira non remunerada, ofrecendo atención constante e sen horarios establecidos.
Consellos para persoas coidadoras informais
Ser coidador/a informal pode ser emocionalmente e fisicamente complicado. Aquí compartimos algunhas recomendacións para coidar mellor da persoa e de ti mesmo/a.
1. Expresa como te sentes
É común que a atención só se centre na persoa dependente, pero quen coida tamén necesita apoio. É importante comunicar as túas emocións e pedir comprensión. Falar sobre como te sentes non te fai máis débil, senón que te axuda a xestionar mellor a situación e reducir o estrés.
2. Aprende a pedir axuda
Pedir apoio é fundamental para preservar a túa saúde. Coidar non debe ser unha tarefa exclusiva. Se te sentes culpable por pedir axuda, lembra que aceptar o apoio permitirá ofrecer un mellor coidado.
Pero… como se pode organizar esa axuda?
- Fai unha lista de todas as tarefas semanais que realizas.
- Agrupa as tarefas por categorías (coidado persoal, traslados, tarefas domésticas…).
- Anota as túas preocupacións relacionadas co coidado.
- Comparte estas listas con familiares e amigos/as para buscar solucións en equipo.
Aínda que isto pode parecer difícil, pedir axuda mellorará a túa calidade de vida e a da persoa que coidas.
3. Busca orientación profesional
O equipo médico e social é un recurso moi útil. Non subides en preguntar sobre a evolución da enfermidade, sobre coidados específicos e sobre fontes de apoio dispoñibles na túa comunidade. Eles/as poden orientarte. Podes acudir ao centro de saúde, servizos sociais, asociacións…
4. Coida de ti mesmo/a
Moitas persoas coidadoras dedican tanto tempo á persoa dependente que olvidan atender as súas propias necesidades, o que pode afectar á súa saúde física e emocional. Aquí van algunhas recomendacións para o autocoidado:
- Fai exercicio con regularidade.
- Intenta durmir entre 7 e 8 horas diarias.
- Organiza o teu tempo e establece prioridades.
- Tómate descansos cando o precises.
- Disfruta dos teus hobbies e actividades persoais.
Unha persoa saudable proporciona mellores coidados.
5. Infórmate sobre grupos de apoio
Os grupos de apoio para persoas coidadoras son espazos onde compartir experiencias, aprender doutros e sentirse acompañados/as. Podes atopalos en:
- Servizos Sociais
- Centros de Saúde
- Asociacións
Algúns deles teñen posibilidades de realizar os encontros online, por se non podes acudir presencialmente. Participar nestes grupos darache ferramentas emocionais e prácticas para afrontar o teu día a día.
