O SilEMcio do Rural chega a Coruña nunha xornada de compromiso coas persoas con EM do rural galego
Ao evento asistiron arredor de 30 persoas, entre elas representantes políticos, administracións, socios/as e outras entidades sociais, servindo así de espazo para compartir experiencias e establecer lazos.
Onte tivo lugar no MUNCYT de A Coruña un evento emotivo e reivindicativo por parte da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM): a proxección do documental ‘O SilEMcio do Rural‘, unha peza audiovisual que forma parte do proxecto do mesmo nome que busca dar voz ás persoas con EM que viven no rural galego.
O documental
Este documental recolle as experiencias de 14 persoas que conviven coa enfermidade en contornas rurais, onde os recursos e acceso á atención seguen sendo máis limitados, aínda que vivir no rural para moitas destas persoas é vital e non o cambiarían por nada.
A través das súas historias e voces, visibilizamos a realidade do rural galego cando se convive cunha enfermidade dexenerativa como a EM, pero tamén a forza, dereitos e resiliencia destas persoas.
Un encontro de reflexión colectiva
Máis aló da proxección, o eventó convertiuse nun espazo de diálogo e reflexión colectiva, onde compartimos impresións, inquietudes e propostas arredpr das necesidades reais das persoas con EM do rural. Foi un momento enriquecedor que puxo en valor a importancia de escoitar, comprender e actuar conxuntamente para construír respostas máis xustas e adaptadas.
Agradecementos
Agradecemos a colaboración de ACEM Coruña e ao MUNCYT, especialmente a Laura, Alba, María Viña, Fran e Jorge, pola súa colaboración neste proxecto, así como ao resto de asociacións membro polo seu traballo. Tamén queremos recoñecer a asistencia e apoio de Mar García Vidal, Deputada de Política Social da Deputación de A Coruña; ao grupo municipal do Partido Popular de A Coruña, Miguel Lorenzo Torres e Rosalía López Sánchez, e ao grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de A Coruña, Francisco Xesús Jorquera Caselas.
Tamén agradecer a ACEM Santiago a asistencia e o apoio neste día tan importante para nós. Grazas tamén ao resto de asociacións que asistiron ao evento, a todo o público e ás persoas que nos prestaron o seu tempo para ser as protagonistas deste proxecto: en concreto, de A Coruña, a Agathe, Sandra e Marina.
O rural galego
‘O SilEMcio do Rural’ naceu para poñer de manifesto unha realidade que moitas veces queda esquecida, e dende FEGADEM seguiremos traballando para que o rural teña a visibilidade e os recursos que merece.
O proxecto continuará o seu percorrido en Ferrol, Vigo e Teo, onde seguiremos proxectando o documental e facilitando espazos de encontro e diálogo coa comunidade e as administracións. Proximamente poderá verse online a través de Youtube.
