No Día Mundial da Fatiga Crónica, descobre máis sobre este síntoma
O 12 de maio é o Día Mundial da Fibromialxia e a Fatiga Crónica. Este é un dos síntomas máis comúns nas persoas con Esclerose Múltiple. Descobre máis sobre el nesta nova.
Este 12 de maio é o Día Mundial da Fibromialxia e a Fatiga Crónica e dende FEGADEM queremos aproveitar este momento para dar visibilidade a un dos síntomas máis comúns e invisibles da Esclerose Múltiple: a fatiga.
A Esclerose Múltiple é coñecida como a Enfermidade das mil caras pola variedade dos seus síntomas e como estes varían dunha persoa a outra. A fatiga é un dos síntomas máis comúns da EM, pero tamén un dos máis complicados de comprender e de explicar.
A fatiga na EM
Calcúlase que entre o 75% e o 95% das persoas con Esclerose Múltiple teñen fatiga, o que afecta á súa calidade de vida. A fatiga pode chegar a ser moi debilitante, provocando cambios na vida diaria e no estado de ánimo, nivel de autonomía e funcionamento social, mental e laboral.
Aínda non se coñece a causa concreta, pero si varios factores que inflúen na aparición desta. Algúns dos elementos que poden provocar un aumento da fatiga son:
- Outros síntomas da EM como dor, epasticidade, depresión, incontinencia…
- Efectos secundarios de medicación.
- Trastornos do soño.
- Épocas de calor.
Explicar a fatiga
Como é un síntoma invisible, a fatiga non é fácil de comprender nin de explicar. Ademais, non todas as persoas con Esclerose Múltiple viven a fatiga da mesma maneira, cos mesmos niveis nin nos mesmos momentos. Esta tamén pode aumentar ou diminuír ao longo do día. Por isto mesmo, definila non é sinxelo.
Non obstante, Fundació Esclerosi Múltiple recolle na súa web algunhas definicións que deron persoas con fatiga:
“Sensación física que lembra a afundirse nun pantano ou en areas movedizas. Se intento resistirme, dóeme e déixame sen folgos”.
“Estar abafado, coma se tiveras que atravesar un río de lama, con roupa pesada e empapada, levando bolsas cheas de pedras”.
“Coma se fora un inchable e alguén me quitara a válvula: as miñas ideas vólvense borrosas, non podo pensar, ver ou falar con claridade, sinto coma se a habitación se enchera de fume”.
“Tragar faise máis difícil, o meu equilibro empeora, as pernas pésanme e vólvense máis torpes”.
Tipos de fatiga
A fatiga pode ocorrer por diferentes causas e afectar a cada persoa cunha intensidade diferente. Aínda que hai moitos tipos de fatiga, os que se relacionan coas enfermidades crónicas neurodexenerativas como a EM, adoitan dividirse en dúas: primaria e secundaria. Non obstante, hai outros moitos tipos de fatiga que tamén poden afectar.
Fatiga por enfermidade crónica
Nas enfermidades neurodexenerativas como a EM, a desmielinización provoca que o cerebro teña que traballar o dobre para enviar as mensaxes ao corpo, o que consome enerxía e provoca fatiga. Ademais, síntomas como a incontinencia, a dor, a rixidez ou a depresión tamén inflúen, así como os efectos secundarios de determinados medicamentos. Este tipo de fatiga pode ser:
- Primaria: causada polos danos no sistema nervioso central e a propia enfermidade. As conexións neuronais dánanse e fai falla máis enerxía para compensar as funcións cerebrais.
- Secundaria: aparece como consecuencia doutras condicións relacionadas coa EM, como problemas de mobilidade, infeccións, febre, inactividade, efectos da medicación…
Fatiga física
É un tipo de fatiga que vén despois da actividade física. Pode vir de facer exercicio, pero tamén de darse unha ducha, preparar a comida ou levantarse ao baño. Esta fatiga física pode ter beneficios, xa que pode axudar a durmir mellor.
Curiosamente, na Esclerose Múltiple pódese sentir agotamento aínda que non se faga nada. Se desenvolves unha maior actividade física, co tempo pode mellorar os niveis de fatiga. Sempre é recomendable consultar isto con profesionais do ámbito e adaptar a actividade ás nosas posibilidades.
Fatiga mental
Provén de gastar enerxía mental ao resolver crebacabezas, problemas, estudar ou, en definitiva, realizar calquera actividade que faga pensar e concentrarse activamente. Despois destas actividades é normal sentir algúns síntomas cognitivos, como confusión.
Se este tipo de actividades se realizan a altas horas da noite, o cerebro pode ter problemas para desconectarse, o que pode afectar á calidade do soño e provocar fatiga ao día seguinte.
Fatiga da dor
A dor pode causar problemas de soño, o que provoca fatiga ao día seguinte. Cando cada movemento doe, ás veces é difícil atopar a enerxía para moverse.
Ademais, tratar de explicarlle a dor a outra persoa pode ser liberador e beneficioso, sobre todo cando esa persoa pode estar pasando polo mesmo ca ti e pode comprenderte, pero tamén pode provocar fatiga emocional e sentir agotamento.
Fatiga social
Pode sentirse despois de falar con persoas durante un período prolongado. A día de hoxe, onde as redes sociais están tan presentes, responder mensaxes de texto, comentarios ou facer videochamadas tamén pode causar fatiga social. Cada persoa é un mundo, e cada persoa require máis ou menos enerxía para relacionarse.
A fatiga social pode facerte sentir abafada/o, estresada/o e agotada/o, o que afecta aos niveis de enerxía.
Fatiga emocional
Adoita darse despois de pasar un tempo prolongado sentindo tristeza, ira, depresión ou frustración. O corpo vese afectado porque emprega moita enerxía ao experimentar eses sentimentos, e podemos ter a sensación de “perder” a enerxía.
Como combater a fatiga?
Para enfrontarse á fatiga, hai que entender que cada persoa é un universo diferente e que se é preciso, o mellor é comunicarse con profesionais da sanidade e do ámbito social para ter unha estratexia que se adapte a cada un/ha. Algúns consellos son os seguintes:
- Planificar as actividades diarias e ter en conta os períodos de descanso.
- Descansar cando se comeza a notar cansancio.
- Evitar as présas e tomarse o tempo que cada persoa necesite para realizar unha actividade.
- Manter unha boa postura durante as tarefas prolongadas.
- Seguir unha alimentación saudable e unha dieta equilibrada.
- Realizar exercicios aeróbicos e de relaxación.
- Non cargar moito peso á vez e repartir o peso nos dous brazos.
- Manterse fresco/a e consumir alimentos ou bebidas frías.
Fontes da información:
Roche Pacientes – ¿Cómo combatir la fatiga en la esclerosis múltiple?
Fundació Esclerosi Múltiple – Fatiga y cansancio: una guía para personas con esclerosis múltiple
Fundació Esclerosi Múltiple – Cómo describir la fatiga de la esclerosis múltiple
