Terapias celulares para a Esclerose Múltiple con nanomateriais de grafeno
Este avance abre novas posibilidades na investigación de tratamentos dirixidos a reparar lesións neurolóxicas e controlar procesos inflamatorios.
O uso de nanomateriais de grafeno é un avance prometedor no desenvolvemento de terapias celulares para enfermidades autoinmunes como a Esclerose Múltiple (EM). Un equipo de investigación do Hospital Nacional de Parapléxicos e do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) deseñou dispositivos de cultivo baseados en óxidos de grafeno, capaces de manter a actividade das células mieloides supresoras in vitro. Este avance abre novas posibilidades na investigación de tratamentos dirixidos a reparar lesións neurolóxicas e controlar procesos inflamatorios.
Que son as células mieloides supresoras e por que son importantes?
Segundo explica Diego Clemente López, investigador principal do Laboratorio de Neuroinmuno-Reparación do Hospital Nacional de Parapléxicos, as células mieloides supresoras teñen un alto potencial terapéutico en enfermidades autoinmunes. Estas células regulan a inflamación e promoven a maduración das células responsables da reparación de tecidos danados. Porén, un desafío significativo no seu uso terapéutico radica en que, ao ser extraídas do organismo e cultivadas en laboratorio, perden a súa capacidade de regulación inflamatoria.
Unha posible solución: dispositivos de cultivo baseados en grafeno
En colaboración co Instituto de Ciencias de Materiais do CSIC, o equipo de investigación deseñou dispositivos de cultivo baseados en óxido de grafeno. Estes dispositivos demostraron ser eficaces para manter a actividade das células mieloides supresoras nunha contorna controlada. Ademais, a investigación liderada por Concepción Serrano, codirectora do proxecto, resalta a versatilidade do grafeno para inducir efectos biolóxicos específicos en función das necesidades experimentais.
Este descubrimento ofrece un dobre enfoque:
- Manter a viabilidade celular no contexto de enfermidades autoinmunes como a EM, onde é crucial controlar a inflamación.
- Inducir a eliminación celular no tratamento do cancro, onde estas células favorecen a evasión inmune que facilita o crecemento tumoral.
A nanomedicina
A nanomedicina, como campo emerxente, permitiu desenvolver aplicacións revolucionarias en terapias personalizadas. O óxido de grafeno, pola súa capacidade para modificar propiedades físico-químicas, perfílase como unha ferramenta nanotecnolóxica importante no deseño de futuras terapias.
“A versatilidade do grafeno convérteo nunha ferramenta nanotecnolóxica prometedora para modificar as células mieloides supresoras en distintas patoloxías, como as enfermidades autoinmunes ou o cancro”, afirma Serrano. Este enfoque podería transformar o tratamento de patoloxías complexas ao optimizar o comportamento das células implicadas nos procesos inflamatorios e rexenerativos.
Impacto do tecido asociativo
Este avance científico foi recoñecido co Premio Acción Investigadora, outorgado por Redacción Médica, a Diego Clemente López, Concepción Serrano, Celia Camacho Toledano e Isabel Machín Díaz. Ademais, no marco do Día Nacional da Esclerose Múltiple, Clemente destacou o papel crucial das asociacións.
O tecido asociativo fomenta a participación cidadá e reforza o vínculo entre os/as investigadores/as e a sociedade, xerando un impacto positivo na investigación biomédica, concluíu Clemente.
Un futuro esperanzador
O uso de nanomateriais de grafeno é un avance que facilita a creación de terapias máis efectivas e que destaca a importancia da colaboración entre institucións científicas e asociacións. Grazas a este tipo unións, a ciencia segue avanzando cara solucións que melloren a calidade de vida das persoas con enfermidades autoinmunes como a Esclerose Múltiple.
Fonte da información aquí.
