FEGADEM expón “Máis aló do visible” en Pontevedra e A Coruña
A exposición fotográfica “Máis aló do visible“, creada por FEGADEM co fotógrafo Fuco Reyes, continúa a súa viaxe por Galicia. Busca dar visibilidade a unha realidade que moitas veces pasa desapercibida: os síntomas invisibles da Esclerose Múltiple.
Despois da súa presentación en Santiago de Compostela, a exposición fixo parada en Pontevedra e A Coruña. Busca achegar a máis persoas esta mirada sobre o impacto da EM e sobre os síntomas invisibles.
Pontevedra: unha parada na Biblioteca Antonio Odriozola
Do 19 ao 30 de outubro, a exposición puido visitarse na Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra.
Durante estes días, as fotografías achegaron á cidadanía distintas experiencias relacionadas cos síntomas invisibles da EM. Contribúe así a fomentar a comprensión e a sensibilización arredor dunha enfermidade con mil caras.



A Coruña: os síntomas invisibles tamén se fan visibles no ámbito sanitario
Do 2 ao 13 de novembro, “Máis aló do visible” pode visitarse no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Concretamente na cuarta planta, antes da cafetería.



Esta presentación ten un significado especial pola colaboración do persoal do hospital. Este participou xunto a FEGADEM na presentación da exposición. Levar esta iniciativa a un espazo sanitario permite achegar a realidade da EM ao persoal e ás persoas usuarias do hospital. Así favorece o coñecemento destes síntomas invisibles que afectan no día a día.
Queremos agradecer especialmente a colaboración do persoal do CHUAC, así como o apoio de ACEM (Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple) nesta presentación. Tamén agradecemos á Xunta de Galicia o patrocinio que fai posible o desenvolvemento deste proxecto.
Unha exposición para mirar máis aló do visible
Con esta iniciativa, FEGADEM quere contribuír a romper estereotipos, promover unha maior comprensión da esclerose múltiple e lembrar que non todas as consecuencias dunha enfermidade son visibles.
A fatiga, a dor, as alteracións cognitivas, os problemas de sensibilidade ou as dificultades de mobilidade, entre outras manifestacións, forman parte da realidade de moitas persoas con esclerose múltiple. A pesares disto, non sempre son evidentes para quen as rodea.
Por iso, mirar máis aló do visible tamén significa escoitar, comprender e recoñecer as experiencias das persoas que conviven coa enfermidade.
Desde FEGADEM queremos agradecer a todas as persoas, entidades e institucións que están facendo posible que esta exposición percorra Galicia. Está chegando cada vez a máis espazos. Grazas ás nosas entidades membro por colaborar no proxecto e ás persoas participantes, porque sen elas esta idea non podería chegar a materializarse.
Seguimos traballando para que os síntomas invisibles deixen de ser descoñecidos e para que a realidade da esclerose múltiple teña cada vez máis comprensión na sociedade.
