FEGADEM presenta a exposición de fotos “Máis aló do visible”
Por fin chegou o momento de presentar Máis aló do visible. Este é un proxecto de FEGADEM para achegar á sociedade a realidade da Esclerose Múltiple (EM) e os seus síntomas invisibles.
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica, neurodexenerativa e autoinmune que afecta ao sistema nervioso central. E tamén é moito máis que aquilo que podemos identificar a simple vista. Moitas das súas manifestacións son invisibles e poden condicionar o día a día das persoas que viven con esta enfermidade.
Por iso nace Máis aló do visible. Este proxecto fotográfico xorde para abrir unha conversa social. Para xerar empatía e axudar a comprender unha realidade que, precisamente por non ser visible, moitas veces pasa desapercibida.
A presentación deste proxecto será o vindeiro mércores 7 de outubro en Santiago de Compostela, na entrada do Hospital Clínico.
Santiago será a primeira parada
Santiago de Compostela acollerá o mércores 7 de outubro a presentación de Máis aló do visible, cidade na que inicia un percorrido itinerante por todas as cidades de Galicia.
A exposición estará en Santiago dende o 2 de outubro ata o 16, pasando despois a Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Así, de outubro a febreiro poderase visitar en diferentes puntos da comunidade.
- Santiago de Compostela — Hospital Clínico — 2 a 16 outubro
- Pontevedra — Biblioteca Antonio Odiozola — 19 a 20 outubro
- A Coruña — CHUAC — 2 a 13 novembro
- Ferrol — Hospital Arquitecto Marcide — 16 a 27 novembro
- Lugo — O Vello Cárcere* — 30 novembro a 11 decembro
- Ourense — Hospital — 11 a 22 xaneiro*
- Vigo — Vialia — 25 xaneiro a 5 febreiro*
A exposición fala da saúde mental, a invisibilidade da discapacidade, cuestións relacionadas coa accesibilidade, a saúde, a defensa de dereitos… Para poder avanzar como sociedade, primeiro temos que conseguir que aquilo que non se ve tamén sexa comprendido.
Queremos que Máis aló do visible percorra toda Galicia
A presentación do 7 de outubro en Santiago é só o punto de partida. Percorrerá as diferentes cidades galegas para achegala a todos os puntos da comunidade.
Pero gustaríanos levar Máis aló do visible a outros lugares de Galicia e, para iso, estamos abertas a novas colaboracións.
Se formas parte dunha administración local, concello, entidade social, centro educativo, empresa, institución ou colectivo e cres que esta exposición pode ter cabida no teu municipio ou no teu espazo, ponte en contacto connosco.
Tamén queremos escoitar outras propostas. Se se che ocorre algunha maneira de colaborar para que Máis aló do visible chegue máis lonxe, teña máis visibilidade ou poida chegar a novos públicos, falemos.
Unha exposición como esta ten sentido se conseguimos que circule, que provoque preguntas e, sobre todo, que contribúa a que cada vez máis persoas entendan que non todo o que importa na Esclerose Múltiple pode verse a simple vista.
Agradecementos
As fotografías da exposición non serían posibles sen o autor das mesmas: Fuco Reyes. Fotógrafo e psicólogo con ampla experiencia no campo da sensibilización e o Terceiro Sector, é o responsable de plasmar en imaxes o que non sempre se pode comunicar con palabras.
Tampouco sería posible sen a participación de todas as persoas que foron retratadas, de moitos puntos distintos de Galicia. Alba. Ángel. Arantxa. Cris. Diana. Elena. Iria. Lara. Leticia. Lorena. Lupe. Petunia. Raquel. Ruth. Sergio. Sonia. Teresa. Yago. Grazas.
As nosas entidades membro e o seu persoal técnico foron axentes imprescindibles no desenvolvemento do proxecto. Agradecémoslles enormemente o seu traballo e colaboración constante. ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALUCEM, AODEMPER e AVEMPO.
Tamén agradecemos a todas as administracións e espazos que fixeron posible facer itinerante a exposición, por mostrar interese e estar dispoñibles para albergala. E a LAU Creaciones e o seu persoal técnico, quen deseñou e fabricou os estupendos paneis que soportan as fotografías.
Para finalizar, esta exposición desenvolveuse grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade.
Porque facer visible o invisible é unha tarefa colectiva que nos corresponde a todos e todas.
Máis aló do visible.
