Fenebrutinib amosa resultados prometedores na EM recorrente ao reducir significativamente os brotes
Novos datos de Fase III apuntan ao potencial deste tratamento oral en investigación
A investigación en Esclerose Múltiple (EM) continúa avanzando e abrindo novas posibilidades para mellorar a vida das persoas que conviven coa enfermidade. Un dos avances máis recentes foi presentado no Congreso Anual da Academia Estadounidense de Neuroloxía (AAN). Aquí déronse a coñecer novos resultados sobre fenebrutinib, un tratamento oral en investigación desenvolvido por Roche.
Os datos proceden dos ensaios clínicos de Fase III ‘FENhance 1’ e ‘FENhance 2’. Mostran unha redución significativa dos brotes en persoas con Esclerose Múltiple recorrente en comparación cun tratamento actualmente aprobado.
Menos do 50 % de brotes
Segundo os resultados presentados, fenebrutinib conseguiu reducir a taxa anualizada de brotes nun 51,1 % no estudo FENhance 1. E nun 58,5 % no estudo FENhance 2. Fronte a teriflunomida, un dos tratamentos empregados na Esclerose Múltiple recorrente.
A investigación sinala que estes resultados equivalen aproximadamente a un brote cada 17 anos. Isto é menos da metade dos observados nas persoas tratadas con teriflunomida durante as 96 semanas de seguimento. Os dous estudos acadaron o seu obxectivo principal, reforzando o interese científico por este novo fármaco.
Que é fenebrutinib?
Fenebrutinib é un inhibidor non covalente da tirosina quinasa de Bruton (BTK). Esta é unha proteína implicada en diferentes mecanismos do sistema inmunitario relacionados coa Esclerose Múltiple.
Os inhibidores de BTK constitúen unha das liñas de investigación máis prometedoras dos últimos anos. Estes poderían actuar tanto sobre procesos inflamatorios que teñen lugar fóra do sistema nervioso central como sobre mecanismos que se producen no seu interior.
Este dobre mecanismo de acción podería contribuír a abordar algúns dos procesos biolóxicos implicados tanto nas formas recorrentes como nas formas progresivas da enfermidade.
Resultados que esperanzan á comunidade da EM
A neuróloga Jiwon Oh, directora médica do Programa de Esclerose Múltiple Barlo do Hospital St. Michael’s da Universidade de Toronto, destacou que os resultados obtidos mostran o potencial de fenebrutinib como tratamento oral de alta eficacia para a Esclerose Múltiple recorrente.
Ademais da redución dos brotes, os datos presentados indican que o fármaco tamén foi superior á teriflunomida na redución da aparición de novas lesións cerebrais.
Outro aspecto relevante é que as taxas de elevación das encimas hepáticas observadas foron comparables ás rexistradas co tratamento de referencia empregado na comparación.
A importancia de seguir investigando
Aínda que os resultados son moi prometedores, é importante lembrar que fenebrutinib segue sendo un tratamento en investigación. Deberá completar os procesos de avaliación e autorización establecidos polas autoridades reguladoras antes de poder estar dispoñible para as persoas con Esclerose Múltiple.
Os resultados dos estudos FENhance 1 e 2 supoñen unha noticia esperanzadora para a comunidade da EM. Reforzan a importancia de continuar investindo en investigación. A medida que se publiquen novos datos sobre a eficacia e a seguridade a longo prazo de fenebrutinib, poderase coñecer con maior precisión o papel que este tratamento poderá desempeñar na futura abordaxe da enfermidade.
