A iniciativa Cociñando Galicia para poñer a alta cociña a favor da Esclerose Múltiple
O restaurante Retiro da Costiña, en Santa Comba, acollerá unha iniciativa gastronómica de alto nivel. Esta terá un impacto social, xa que “Cociñando Galicia” destinará parte dos seus beneficios a ACEM Santiago.
A iniciativa será un ciclo de xornadas arredor do produto galego que reunirá a máis de vinte chefs con Estrela Michelin. Impulsado polo chef Manuel Costiña, este proxecto combina a alta cociña, o territorio e a solidariedade.
Poñer en valor o produto galego e o sector primario
“Cociñando Galicia” xorde para visibilizar as orixes da cociña e recoñecer o traballo do sector primario galego. Os chefs participantes coñecerán de primeira man a procedencia dos produtos cos que elaborarán os seus pratos. Visitarán:
- Lonxas
- Portos
- Explotacións gandeiras
- Hortas
Esta iniciativa conecta a gastronomía, o territorio e a sustentabilidade, dende as orixes da cadea alimentaria.
Máis de 20 chefs con Estrela Michelin en 8 xornadas
O ciclo consistirá en oito xornadas no Retiro da Costiña, reunindo a profesionais da gastronomía nacional e internacional. A primeira cita foi o 14 de abril, e participaron:
- Kiko Moya (Alicante)
- David Yárnoz e Jaione (Navarra)
Ao longo das vindeiras xornadas tamén participarán outros chefs recoñecidos, como Mario Sandoval, entre outros nomes de referencia da alta cociña.
Compromiso social e gastronomía
Ademais do seu valor gastronómico, “Cociñando Galicia” ten unha vertente solidaria a favor de ACEM Santiago, unha das asociacións membro de FEGADEM. Deste modo, dáse visibilidade á Esclerose Múltiple, apóiase o labor das entidades sociais e impúlsase a colaboración entre diferentes sectores.
