Vota por FEGADEM nos premios do proxecto EMbárcate
Como todos os anos, xa está aquí a 7ª edición do Proxecto EMbárcate que, coma sempre, conta cunha categoría especial do público na que o proxecto máis votado será o gañador.
En FEGADEM presentamos o noso proxecto O SilEMcio do Rural, para seguir dando visibilidade e cobertura ás necesidades das persoas que teñen Esclerose Múltiple e viven no rural galego.
Votacións
Precisamos o teu voto! Vota por FEGADEM no seguinte enlace: https://proyectoembarcate.suportias.com/votacion-popular/
Pódese votar todas as veces que queiras ata o 10 de decembro (incluído).
Como votar?
- Abre o enlace https://proyectoembarcate.suportias.com/votacion-popular/
- Na caixa “¿Cuál es tu proyecto favorito?” busca nas opcións ID 2025-39: O SilEMcio do Rural…
- Pulsa “Envía tu voto”
Para votar a FEGADEM, é necesario seleccionar a opción: ID 2025-39: O SilEMcio do Rural: intervención social dirigido a la detección, evaluación y cobertura de las necesidades de las personas con EM
En que consiste o proxecto?
Este proxecto de intervención social de carácter directo, tivo como finalidade detectar e avaliar as necesidades sociais das persoas con EM que viven no rural galego e forman parte dalgunha das asociacións membro da entidade promotora do mesmo, FEGADEM; que polas súas condicións teñen limitado o acceso aos recursos e servizos especializados dos que son beneficiarias, o cal adoita derivar nun deterioro a nivel biopsicosocial.
Isto levouse a cabo a través da realización dunha serie de entrevistas, efectuadas no último trimestre do ano 2024. Así ben, en este ano 2025 púxose en marcha a fase de sensibilización e concienciación dirixida á poboación en xeral mediante a proxección do documental producido a raíz de ditas entrevistas, titulado O SilEMcio do Rural, o cal xa está subido á plataforma dixital YouTube.
A fase final deste proxecto, que se pretende desenvolver neste último trimestre, busca darlle cobertura de forma integral e coordinada ás necesidades detectadas, para así contribuír á mellora da calidade de vida da poboación destinataria.
Obxectivos
- Impulsar a mellora da calidade de vida e benestar biopsicosocial das persoas con esclerose múltiple que viven no rural galego, ofrecendo unha atención directa individualizada ás persoas afectadas e ás súas familias en base ás súas necesidades.
- Facilitar a selección e acceso aos recursos e servizos de proximidade dispoñibles e de utilidade para as persoas participantes.
- Promover o acceso aos recursos e servizos ofertados dende cada asociación.
- Impulsar a participación das persoas beneficiarias deste proxecto noutras iniciativas que poidan ser da súa utilidade e/ou interese.
- Aumentar a rede de apoio social de cada persoa.
- Favorecer a percepción de seguridade das persoas beneficiarias.
- Concienciar á poboación en xeral sobre as desigualdades sociais existentes entre as persoas con EM no rural galego.
